Deputación de Lugo

Publicada a listaxe dos 58 mozos lucenses que completarán a súa formación en Europa coas bolsas Leonardo da Vinci

Imaxe deputación de lugo
Os resultados do proceso selectivo poden consultarse en www.deputacionlugo.org. Esta publicación abre o prazo de cinco días naturais para presentar a documentación requirida nas bases no Rexistro Xeral da entidade e por correo electrónico a becasleonardo@deputacionlugo.orgOs seleccionados terán unha sesión informativa o 27 de novembro ás 17:30 horas no Salón de Actos para coñecer o desenvolvemento da programación nos países de destino e resolver posibles dúbidas

A Deputación de Lugo permitirá un ano máis que 58 mozos titulados lucenses completen a súa formación en diferentes países europeos. Este luns vén de facerse pública, a través da web www.deputacionlugo.org, a listaxe de seleccionados do programa Leonardo da Vinci, os cales partirán cara os seus destinos o vindeiro ano.

O seguinte paso que os seleccionados deberán dar será o de presentar a documentación esixida nas bases no prazo de cinco días naturais dende o día seguinte á publicación, isto é, dende o día 26 ó 30 de novembro, ambos inclusive. A documentación terá que ser presentada tanto no Rexistro Xeral da entidade como por correo electrónico dirixido ó enderezo becasleonardo@deputacionlugo.org.

O Salón de Actos de San Marcos acollerá, o vindeiro mércores, día 27 de novembro, ás 17:30 horas unha sesión informativa para os rapaces seleccionados, na que se lles explicará en detalle o desenvolvemento da programación das bolsas á súa chegada ós países de destino, e se lles resolverán as posibles dúbidas que poidan xurdir.

Os bolseiros seleccionados partirán a primeiros de ano cara Hamburgo, Viena, Florencia, Lisboa, Praga, Belfast, Cork, Irlanda, Módena e Lisboa, destinos nos que, grazas a esta iniciativa impulsada polo organismo lugués e cofinanciada pola Unión Europea, completarán a súa formación antes de regresar a España e poñer en práctica o aprendido.