Deputación de Lugo

O autobús da campaña de apoio á Ribeira Sacra chega a Carballedo

Pilar García Porto, acompañada por Julio Yebra-Pimentel, recibiu o autobús á súa chegada a Carballedo no seu percorrido pola provincia recabando apoios para esta iniciativa posta en marcha pola DeputaciónOs que desexen asinar no libro oficial da UNESCO poden facelo achegándose en horario de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas os días 13 e 14 na Barrela

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, acompañada do Alcalde de Carballedo, Julio Yebra-Pimentel, recibiu esta mañá o autobús rotulado da campaña de apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade á súa chegada á Barrela, onde permanecerá ata o 14 de novembro.

García Porto destacou que a campaña está a recabar un gran número de apoios. Dende que comezou o seu percorrido pola provincia, hai algo máis dun mes, xa se levan rexistradas máis de 4.500 sinaturas, o que amosa o éxito desta iniciativa emprendida pola Deputación de Lugo. O autobús estivo nas localidades de Lugo, Monforte, Chantada, Ribas de Sil e Taboada e, trala súa parada en Carballedo, viaxará ata Paradela. O vehículo partirá despois cara o resto da provincia, e Galicia e España no 2014.

A implicación da cidadanía é fundamental para que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, encargado de presentar a proposta ante a UNESCO, se decida a favor da candidatura da Ribeira Sacra.

O autobús permanecerá na Barrela ata o día 14 de novembro, en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, para que todos os que o desexen poidan asinar no libro oficial da UNESCO. Ademais de deixar a súa sinatura poderán atopar material promocional da campaña e información sobre a Ribeira Sacra.