Deputación de Lugo

300 persoas escoitaron na Deputación os consellos de Emilio Duró sobre a xestión da ilusión en tempo de crise

Fixérono no 3º encontro aberto e gratuíto que organiza o organismo provincial para achegar á cidadanía as experiencias de reputados persoeiros, vinculadas á innovación e ás novas tecnoloxías, para acadar o éxito persoal e profesionalTrátase dunha iniciativa do Innova-TE, o programa tecnolóxico da Deputación financiado nun 80% pola Unión Europea, que incluíu as charlas de Eduard Punset e Trias de Bes

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este martes a conferencia gratuíta A xestión da ilusión en tempos de crise de Emilio Duró, un dos máis reputados expertos españois en liderato e xestión da intelixencia emocional. 300 persoas participaron sen custe algún neste encontro, enchendo os Salóns de Actos e de Plenos do Pazo de San Marcos.

Trátase da terceira charla que organiza a Deputación ó abeiro do Innova-TE, o programa tecnolóxico do organismo provincial financiado nun 80% por fondos da Unión Europea, co obxectivo de achegar á cidadanía as experiencias de reputados persoeiros, vinculadas á innovación e ás novas tecnoloxías, para acadar o éxito persoal e profesional.

Deste xeito, os cidadáns puideron escoitar a Eduard Punset, prestixioso comunicador científico e especialista en temas de impacto das novas tecnoloxías; Fernando Trias de Bes, especialista en márqueting creativo; e hoxe a Emilio Duró.

Duró ofreceu ideas acerca de como xestionar os tempos de cambio con optimismo, o emprego da ilusión fronte ós novos retos, as mellores técnicas para vencer os medos ou como asumir as responsabilidades das decisións propias para a fixación de obxectivos, tanto persoais coma profesionais.

Emilio Duró Pamies é licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade Autónoma de Barcelona e pola Escola Superior de Administración e Dirección de Empresas (ESADE). Empresario, membro de Consellos de Administración e ex directivo de diferentes empresas, leva 25 anos traballando como consultor, asesor e formador nas primeiras empresas do país. Actualmente, é colaborador e profesor asociado en Universidades e Escolas de Negocios nacionais e internacionais. Autor de múltiples artigos en publicacións empresariais e de difusión xeral, ofrece seminarios e conferencias por todo o pais enfocadas cara ó desenvolvemento de actitudes proactivas no ser humano.