Deputación de Lugo

Fin do bloqueo da Xunta ó convenio dos GES: A Deputación adiantará antes de finais de ano 250.000 euros ós Concellos cumpridores

A Xunta de Goberno aprobou a addenda ó convenio coa que o Goberno galego, despois de máis de 6 meses de espera, por fin determina como as administracións que financian os GES teñen que realizar as transferencias ós ConcellosA sesión aprobou un proxecto de mellora no contorno dos ríos Rato e Fervedoira, dotado de 150.000 euros, que será executado por técnicos provinciais de Suplusa

A Xunta de Goberno deste venres aprobou a addenda da Xunta ó convenio dos GES, pola que houbo que esperar máis de 6 meses, na que por fin se determina como se realizan as transferencias económicas ós Concellos das administracións que financian os Grupos de Emerxencia Supramunicipais, é dicir, Xunta de Galicia, Deputacións provinciais e FEGAMP. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, explicou que “remata deste xeito o bloqueo da Xunta ó convenio dos GES. As administracións poden realizar as transferencias económicas ós Concellos. A Deputación farao de xeito inmediato. Antes de finais de ano, adiantemos os municipios cumpridores 250.000 euros, que representan o 70% do orzamento total para dous anos, que ascende a 350.000 euros”.

A institución luguesa foi a única administración que detectou graves erros na redación do convenio de colaboración dos GES entre Xunta de Galicia, Deputacións galegas e FEGAMP. Fíxoo en maio, alertando de xeito inmediato á Xunta para a súa corrección, posto que isto impedía a aprobación definitiva do convenio e, o que é máis grave, realizar as achegas económicas correspondentes das administracións implicadas ós municipios. Xa en maio, a propia Xunta de Galicia confirmou a existencia destes erros, que versan sobre a transferencia orzamentaria ós municipios e a localización dos grupos.

Ante esta confirmada situación, xa hai máis de medio ano que a institución solicitou á Xunta unha addenda ó convenio para desbloquealo. O Goberno galego enviou unha primeira addenda hai tan só 20 días coa que, non só non se solventaban estes erros, senón que se alteraban os baremos para a contratación do persoal, establecendo que non era necesario o concurso oposición e fixando a selección dos traballadores só en base a un temario.

É dicir, a primeira addenda da Xunta rachaba coas bases de selección comúns acordadas por todas as administracións implicadas para garantir a igualdade de oportunidades. No caso de ser aprobada, quedaría regularizada a situación dos Concellos de Guitiriz, que alternou as bases de selección, de Quiroga e do Courel, que realizaron concursos de méritos e non de oposicións, dos que resultaron contratados a irmá da Alcaldesa do Courel e un primo carnal do seu marido, entre outras persoas afíns ó PP.

O 4 de decembro, durante a celebración dunha Comisión de Seguimento dos GES, a Deputación conseguiu que a Xunta aceptase realizar unha nova addenda (a aprobada hoxe pola Xunta de Goberno) que responde ás carencias e corrixe os erros do convenio inicial.

Melloras no contorno do Rato e Fervedoira

A sesión aprobou un proxecto de 150.000 euros para melloras no contorno dos ríos Rato e Fervedoira, que inclúe as zonas de Paradai, A Chanca e O Rato, afectadas polas riadas. Con esta iniciativa, que será executada por técnicos provinciais de Suplusa, a institución levará a cabo as seguintes actuacións: arranxo dos muros de mampostería en 1.600 metros, retirada dos escombros do cauce, reconstitución dos taludes ou reparación de socavóns.

A Xunta de Goberno acordou as contas xustificativas de catro obras do plan de comunidades veciñais, executadas en núcleos rurais de Antas de Ulla, O Valadouro, A Pontenova e Pedrafita do Cebreiro, dotadas de 36.200 euros da Deputación.