Deputación de Lugo

A Deputación mellora dotacións veciñais de todos os Concellos da Montaña investindo máis de 270.000 euros

José Luis Raposo supervisou hoxe actuacións realizadas nos Concellos de Cervantes e Pedrafita do Cebreiro, ós que a institución destinou máis de 62.500 euros para financiar ó 100% das 9 obras solicitadas polos veciñosAs actuacións financiadas polo organismo provincial consisten principalmente na mellora e acondicionamento de camiños e accesos a vivendas e fincas de traballo; de dotacións de auga en núcleos rurais e de instalacións de uso comunitario

O Deputado Provincial José Luis Raposo Magdalena supervisou este venres o remate de 31 obras de acondicionamento e mellora de servizos públicos municipais no rural dos Concellos da Montaña, financiadas todas elas ó 100% pola institución lucense con máis de 270.000 euros. Trátase de melloras en traídas de auga, camiños, instalacións sociais, deportivas ou culturais levadas a cabo na Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Baleira, Navia de Suarna, Cervantes, Baralla, Becerreá, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.

Nesta ocasión, Raposo supervisou algunhas destas actuacións, en concreto dúas das 9 obras levadas a cabo nos Concellos de Cervantes e Pedrafita do Cebreiro, onde que se puideron acometer 9 obras por un valor total de máis de 62.500 euros.

O Deputado destacou a importancia que para os Concellos teñen estas actuacións que “melloran a calidade de vida dos veciños do rural e contribúen de xeito decisivo a manter e crear postos de traballo e impulsar a economía local, xa que para a súa execución contrátase a Penes e autónomos da zona”.

A actuación supervisadas hoxe en Pedrafita, no núcleo de Porfía, contou cun orzamento de 10.000 euros -parte dos máis de 32.000 destinados a este Concello-. As obras consistiron na reparación dun muro e a pavimentación do camiño que comunica este lugar coa estrada principal do municipio. Outras obras financiadas neste Concello foron a mellora do acceso ó núcleo de Foxos; o acondicionamento de varios muros situados na travesía de Sabugos e a reparación na captación de augas de Lagoa.

O Deputado tamén supervisou algunha das obras realizadas no Concello de Cervantes, acompañado polo Alcalde deste municipio, Benigno Gómez Tadín. Concretamente, comprobou o resultado da reconstrución dun muro en Castelo de Frades, actuación solicitada polos veciños logo de que parte deste muro se derrubase dificultando o acceso a case 10 vivendas e varias explotacións.

Esta obra foi unha das 5 financiadas polo organismo provincial no Concello de Cervantes, das que se beneficiaron máis dun centenar de veciños; ademais da reconstrución do muro de Castelo de Frades tamén se realizaron obras de mellora nun muro de contención de Vilaquinte; a colocación dunha tubaxe de condución de auga en Vilarello; a mellora de accesos a Moreira, e a o acondicionamento para uso público da contorna da fonte de Vilaspasantes.