Deputación de Lugo

A Deputación ensinou a 160 maiores da provincia a sacar proveito das novas tecnoloxías cos cursos da Fundación TIC no InLugo

Regina Polín fixo entrega ós participantes dos diplomas acreditativos de asistencia a estas accións formativas, deseñadas para mellorar a calidade de vida dos lucenses de máis idade A Deputada e Padroa da Fundación TIC destacou o interese amosado polos alumnos nesta formación gratuíta, marcada por un enfoque práctico e de promoción da colaboración interxeracional

A Deputación de Lugo ofreceu formación gratuíta a 160 lucenses a través dunha ampla programación de cursos e obradoiros organizados no Centro de Innovación Social InLugo a través da Fundación TIC, pensados especialmente para os lucenses de máis idade. Estas accións formativas planificáronse no seu momento co obxectivo fundamental de aumentar a súa autonomía, mellorar as súas capacidades funcionais e previr o deterioro cognitivo grazas ás posibilidades e recursos que ofrecen as novas tecnoloxías.

A Deputada de Deseño e Artesanía e Padroa da Fundación TIC, Regina Polín, fixo entrega este xoves dos diplomas acreditativos de asistencia a estes cursos a algúns dos participantes. Polín destacou o interese amosado polos alumnos, “que deixa patente que este tipo de formación, pensada para facilitar e mellorar a calidade de vida dos maiores, ten unha estupenda acollida porque realmente ofrece utilidade para o día a día”. A Deputada fixo referencia ó feito de que as accións formativas tiveran un carácter eminentemente práctico: os participantes puideron aprender a pedir cita no médico por Internet; facer videochamadas a familiares que viven lonxe, ou facer a compra dende a casa. Tamén tiveron un marcado enfoque interxeracional, buscando a colaboración entre lucenses de diferentes idades, como neste caso de avós e netos.

Esta oferta formativa constou de 10 cursos e 5 obradoiros, que ofreceron un total de 160 prazas: Atréveste con Internet? Axudámosche, que constou de tres edicións; Xogamos coa mente; Aprende, comparte e retoca as túas fotografías; Organízate co teu móbil; Mantemos en forma o cerebro; Que podo facer co DNI-e?; Atréveste a decubrir o ioga? Comeza a practicalo coa Wii; O inglés e as tecnoloxías. Queres aprender?; Ximnasia mental coa tablet; Internet axúdache coas compras de Nadal; Xogamos co corpo; Ola, escóitasme? Deséxoche un feliz Nadal! (Uso do Skype), e Avós e netos: aprendendo xuntos Seguridade Vial. A Deputación de Lugo descentralizou esta formación permitindo que o maior número posible de maiores accederan a ela, como foi o caso das dúas accións formativas que se desenvolveron no Concello do Incio.