Deputación de Lugo

A Deputación comercializará 55.000 lotes de produtos autóctonos a través de hoteis, balnearios e paradores

O Presidente, xunto á hostaleiros lugueses, avanzou que este mesmo mes 14 recoñecidos establecementos porán á venda produtos. Posteriormente, a iniciativa estenderase a máis negociosTrátase dun novo plan de impulso ós produtos autóctonos, enmarcado no programa europeo da institución Lug02, para o incremento das súas vendas coa apertura do mercadoCon este proxecto, o organismo provincial crea sinerxias entre hostaleiros e produtores autóctonos co obxectivo de mellorar a súa competitividade

A Deputación comercializará 55.000 lotes de produtos autóctonos a través de hoteis, balnearios e paradores da provincia ó abeiro dun novo plan do Lug02, o programa financiado nun 80% pola Unión Europea. Así o avanzou este venres o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, nun acto no que estivo acompañado polo Presidente da Asociación de Hostaleiros de Lugo, José Francisco Real Castro, e representantes de establecementos deste sector.

Gómez Besteiro adiantou que a Xunta de Goberno de hoxe aprobou un convenio de colaboración para a posta á venda este mesmo mes dos primeiros lotes de produtos en 14 recoñecidos negocios hostaleiros da provincia. Posteriormente, o proxecto estenderase a máis negocios e produtos coas marcas de calidade da Deputación Lugo Sabe, que acadaron, de xeito gratuíto, 175 profesionais.

Os establecementos contarán con expositores de produtos, que incluirán o lema “E para comer Lugo”, e organizarán actividades de promoción en sinaladas datas como Semana Santa, San Froilán, Arde Lucus..., aproveitando a afluencia de visitantes. Nas súas páxinas web, haberá información sobre os produtos que comercializan, destacando todos os seus puntos de venda e incluíndo un enlace á 1º plataforma de comercio electrónico na provincia, www.losproductosdelugo.com, para a súa compra directa en Internet.

Con este novo proxecto, a Deputación contribúe á creación de sinerxias entre profesionais da provincia, co obxectivo mellorar a súa competitividade. Deste xeito, os produtores amplían o seu mercado, mentres os hostaleiros ofrecen un novo atractivo nos seus establecementos, incrementando ámbolos os seus beneficios.

Establecementos iniciais

Inicialmente, os establecementos hostaleiros que participan neste plan, cuxos representantes acompañaron hoxe ó Presidente, son os seguintes: Parador de Ribadeo; Parador de Vilalba; Parador de Monforte de Lemos; Hotel Spa Attica 21 Vilalba; Hotel Ego; Hotel O Val do Naseiro; Hotel Thalasso Cantábrico Las Sirenas; Hotel Coto Real; Hotel Balneario de Guitiriz; Hotel Balneario Augas Santas; Gran Hotel Lugo; Hotel Pazo de Orbán e Sangro; Hotel Santiago; e Hotel Jorge I. Os produtos que comercializarán serán, por exemplo, chourizos e salchichóns do Piornedo; oruxo branco, licor de café, licor de herbas e crema de oruxo de Becerreá; tortas e madalenas de améndoa de Guitiriz; tartas e amendoados de Mondoñedo; bolachas de castañas, crema de castaña e marmeladas do Folgoso de Courel; mel do Valadouro, entre outros.