Deputación de Lugo

O Presidente busca 'consenso e firmeza nos representantes políticos' para retomar o proxecto da Estación Intermodal de Lugo

Gómez Besteiro presentou ós voceiros provinciais unha declaración institucional coa que esixir que se reanude este proxecto e “ser claro, franco e transparente na súa nova adxudicación. Non podemos permitir que Lugo quede ó marxe do AVE, sendo unha excepción na Comunidade”“A Ministra de Fomento estivo en Lugo hai 4 meses e non advertiu da rescisión deste contrato, feito que pon en evidencia a transparencia dun Goberno do Estado, que non foi quen de informar á opinión pública, que se enterou 16 meses despois”“Feijóo debe explicar se estaba informado, que medidas tomou e se está comprometido co AVE, pois no 2009 garantiu que a Xunta financiaría a Alta Velocidade senón o facía Fomento”

A instancias do Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, este luns celebrouse unha reunión extraordinaria da Xunta de Voceiros Provincial para abordar a anulación do proxecto da Estación Intermodal da capital luguesa. Gómez Besteiro presentou unha declaración institucional para que a Deputación inste ó Goberno Central e á Xunta de Galicia a “non paralizar un proxecto prioritario para Lugo, que pretendía conseguir a modernización do transporte terrestre para toda a provincia, e a dotar ós lucenses dunha maior interconexión por medio da Alta Velocidade Española”. Mañá, ás 10:30 horas, haberá unha nova xuntanza, na que os voceiros informarán sobre a postura do seu grupo. PSOE e BNG xa adiantaron hoxe o seu voto a favor. “Agardo que o PP sexa capaz de poñerse de parte desta cidade e desta provincia, para sacar unha declaración institucional firme, clara e esixente do cumprimento dos compromisos que se adquiriron no 2010”, remarcou o Presidente.

Gómez Besteiro fixo referencia, deste xeito, ó convenio que o Ministerio de Fomento, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e o Concello de Lugo asinaron en agosto de 2010, no que se comprometían a elaborar de forma inminente a Estación Intermodal de Lugo, que reuniría nun mesmo espazo as conexións de autobús, Renfe e AVE.

En setembro de 2013, tiña que estar elaborado o proxecto técnico. Nembargantes, a demora desta iniciativa serviu para desvelar que ADIF, entidade do Ministerio de Fomento, firmou a paralización total da Estación Intermodal para Lugo xa hai case medio ano. “A Ministra de Fomento estivo en Lugo hai 4 meses, na inauguración das obras de rehabilitación da Ponte Romana, e non advertiu da rescisión deste contrato, feito que pon en evidencia a transparencia dun Goberno do Estado, que non foi quen de informar á opinión pública e 16 meses despois se enterou pola prensa”, salientou o Presidente.

“Agora o paso inicial é buscar consenso e firmeza nos representantes políticos para retomar este proxecto e ser claro, franco e transparente a súa nova adxudicación. Non podemos permitir que Lugo quede ó marxe do desenvolvemento da liña do AVE, sendo unha excepción na Comunidade, cando se está a traballar nos proxectos das estacións de Ourense, A Coruña e Vigo”.

“Feijóo debe dar explicacións”

O titular provincial explicou que a Xunta, como parte integrante do convenio, ten a obrigar de dar explicacións. “Feijóo debe responder se estaba ou non informado da paralización deste proxecto hai 16 meses, que medidas tomou para corrixir esta situación e se a chegada do AVE é un dos seus compromisos, pois en plena campaña electoral no 2009, nun acto en Lugo, garantiu que a Xunta financiaría a alta velocidade senón o facía o Goberno Central. Polo tanto, debe explicar se fixo xestións ante o Ministerio de Fomento e en que prazos e condicións chegará a Alta Velocidade á provincia”.