Deputación de Lugo

Lara Méndez esixiu na Mariña unha renovación do tendido eléctrico e a modernización das instalación para evitar os cortes no subministro

A Vicepresidenta Segunda e a Alcaldesa de Viveiro supervisaron os danos provocados polo temporal de vento que azotou a zona da Mariña durante a xornada deste venres O Operativo da Deputación atendeu 72 incidencias nas estradas provinciais da zona norte de Lugo, principalmente causadas por caídas de árbores e pólas ós viaisLara Méndez instou á Xunta a cumprir a lei de estradas e manter limpas as marxes da rede viaria para evitar danos materiais e asegurar a integridade das persoas

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, comprobaron esta mañá en dito municipio os danos causados polo temporal de vento que afectou onte á Mariña. O paso dunha fronte provocou numerosos incidentes na Comarca, con consecuencias como cortes no subministro eléctrico que afectaron a preto de 55.000 persoas ou cuantiosos danos materiais en infraestruturas públicas e particulares aínda sen cuantificar.

Lara Méndez esixiu na Mariña unha renovación do tendido eléctrico e a modernización das instalacións para evitar os cortes nos subministro que sofren algunhas localidades, “non só nos casos de excepcionais como temporais de forte vento, senón que tamén en numerosas ocasións sen causa aparente.”

A Vicepresidenta segunda destacou que o operativo disposto pola Deputación atendeu na xornada de onte 72 avisos, principalmente por caídas de árbores na calzada. Neste senso, Lara Méndez, instou á Xunta a cumprir a lei de estradas e levar a cabo as tarefas de roza e poda de arboredo nas vías provinciais, insistindo en que “a preocupación fundamental do organismo provincial é a seguridade das persoas pero o custe das incidencias rexistradas é moi elevado e podería evitarse se a Xunta cumprise a Lei.”

Na actualidade só a estrada LU-P 1003 no Concello de Carballedo atópase pechada ó tráfico por mor dun afundimento no firme á altura do punto quilométrico 0,5. O resto dos viais provincias están abertos ó tráfico, incluso nas zonas de alta montaña onde se rexistraron 7 incidencias por mor da neve que chegou a alcanzar os 15 centímetros nalgúns puntos.

Ante as previsións meteorolóxicas e a posibilidade de nevaradas 22 operarios e 16 máquinas centrarase nas zonas de alta montaña dos Concellos de Becerreá, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Samos, Incio, Cervantes e A Fonsagrada.

A Deputación mantén activo un dispositivo composto por 104 operarios e 54 máquinas que permanece alerta para actuar coa máxima axilidade en casos da chegada dun novo temporal ou sucesos puntuais, para conservar e manter sempre en perfectas condicións a rede viaria provincial.