Deputación de Lugo

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables participa nos actos do Día Mundial dos Humidais

Sonsoles López Izquierdo participou nunha xornada de divulgación entre os escolares do CEIP Santa María do Valadouro

A Deputada de medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, participou este xoves nos actos do Día Mundial dos Humidais. O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela organizou unha xornada de sensibilización e información con escolares de ensino primario do Ceip Santa María do Valadouro.

A actividade, na que tamén participaron o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación da USC, Pablo Ramil e o Alcalde do Concello do Valadouro, Edmundo Maseda Maseda, encádrase nas tarefas de divulgación do proxecto europeo Life+Tremedal ‘Humidais continentais do Norte da Península Ibérica: Xestión e restauración de turbeiras e medios higrófilos’.

Esta xornada de celebración do Día Mundial dos Humidais serviu para que os relatores participantes presentaran, a través de medios audiovisuais, aos escolares do Ceip do Valadouro, os diferentes tipos de humidais que poden atopar na Reserva da Biosfera Terras do Miño, ademais de informar sobre a importancia destes recursos naturais e dos valores que achegan aos cidadáns na súa vida cotiá. Esta efeméride celébrase dende 1997 o 2 de febreiro, por tratarse da data na que se adoptou a Convención Internacional dos Humidais, asinada en 1971 na cidade iraní de Ramsar.

Ao remate das intervencións, técnicos do Ibader responsables do proxecto Life+Tremedal fixeron tamén unha presentación sobre os valores e a importancia de conservar os humidais na comarca, ao tempo que repartiron material de sensibilización entre os escolares.