Deputación de Lugo

A Deputación inviste 370.000 euros en mellorar 50 dotacións veciñais no rural da Mariña

Lara Méndez supervisou hoxe actuacións realizadas nos Concellos de Riotorto e A Pontenova que a institución provincial financiou ó 100% con 60.000 eurosAs obras consistiron no acondicionamento de camiños en Val, Órrea e Vilarquide; o arranxo da traída de auga a Neipín e o acondicionamento do campo da feira de VilaoudrizEstas obras son algunhas das 47 realizadas en todos os Concellos da Mariña e que consistiron na mellora de dotacións de uso comunitario, seguidas polo acondicionamento de accesos e, finalmente, o arranxo de fontes e traídas de auga

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, supervisou hoxe algunhas das actuacións levadas a cabo coa financiación da Deputación de Lugo na Mariña, en concreto as realizadas nos Concellos de Riotorto e A Pontenova. Foron en total 47 obras solicitadas polos propios veciños e que a institución provincial financiou ó 100% aportando unha achega total de 367.000 euros.

Estas axudas, malia que non de gran contía, ó non superar os 12.000 euros, teñen unha importancia fundamental, posto que permiten levar a cabo unha serie de obras que os Concellos non son quen de afrontar. Deste xeito, a axuda do organismo provincial para mellora a calidade de vida dos veciños supón un considerable aforro para as arcas municipais.

As obras visitadas hoxe consistiron no acondicionamento de accesos e camiños veciñais que dan servizo tanto a vivendas, no caso dos situados en Val e Vilarquide, como a dotacións de uso comunitario, en Santa Comba de Órrea, no Concello de Riotorto. Estas obras contaron cunha achega total de 33.000 euros. Outra tipoloxía de obras financiadas foron a posta en marcha dunha instalación de traída de auga para os veciños de Neipín, e dun campo da feira para os de Vilaoudriz, ambas no Concello da Pontenova. Estas actuacións recibiron 19.000 euros dos 41.000 euros destinados a melloras en todo o Concello.

Melloras en todos os Concellos da Mariña

No conxunto da Mariña acometéronse 47 obras grazas á axuda da Deputación de Lugo. Cunha inversión total de 367.000 euros, as actuacións máis demandadas polos veciños foron aquelas destinadas á posta en marcha e mellora de dotacións de uso comunitario, como o caso da pasarela cuberta para comunicar os edificios do CEIP San Miguel, no Concello de Barreiros, ou a instalación eléctrica no centro social de Santa Cilla, no Concello de Foz. Este tipo de obras supuxeron un 53% do total.

Tras as melloras en dotacións, destacou o 36% que supuxeron as obras de acondicionamento de accesos e camiños, como as visitadas hoxe; a levada a cabo nos acessos na LU-151, no Concello de Foz, onde a axuda do organismo lugués permitiu a instalación de beirarrúas, ou a de acondicionamento da ruta dos muíños en A Rigueira, no Concello de Xove. Finalmente, tamén se levaron a cabo obras de mellora e arranxo de fontes e traídas de auga, que sumaron un 11% do total.