Deputación de Lugo

Manuel Martínez: 'A Conselleira de Traballo veu a Lugo de excursión, ratificando a discriminación da Xunta coa provincia'

O voceiro provincial socialista criticou que a Conselleira “alardeara” de que sexan os Concellos gobernados polo Partido Popular os que se benefician dos seus obradoiros de emprego O Deputado provincial denunciou as “escusas de mal pagador” da Xunta polo retraso das obras de Paradai, ó igual que cos servizos sanitarios básicos para a provincia ou “as Pallozas de Piornedo”

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, lamentou hoxe o que definiu como “a última excursión” da Conselleira de Traballo á provincia, “ratificando a discriminación da Xunta con Lugo”, posto que “alardeou de que sexan os Concellos do PP os beneficiados dos seus obradoiros de emprego”. Martínez destacou os exemplos de Burela, Cervo, Xove, Foz, O Vicedo, Ourol, Muras, Outeiro de Rei, Cospeito ou Vilalba.

A visita de Beatriz Mato a Lugo é especialmente inoportuna, porque tal e como subliñou o Deputado socialista, Lugo foi, xunto con Ourense, a “provincia galega na que maís se incrementou o paro no último mes, subindo nun 4% e superando a media en España”. Martínez fixo referencia ós case 28.800 lucenses no paro, -19.800 no ano 2009-, criticando que “a Xunta de Feijóo fora capaz de destruír 9.000 empregos en Lugo”.

Antes de dar conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno deste venres, Martínez tamén quixo denunciar o retraso nas obras de Paradai, que a Xunta tiña previsto retomar hoxe, “malia non contar cos permisos que puido obter hai un ano”. O Deputado subliñou que este feito só pode deberse ben a que o Goberno de Núñez Feijóo “nunca se preocupou por estes traballos, polo que non sabía que tiña que pedir os permisos”, ou ben a “escusas de mal pagador da Xunta” para non executar estas obras, “demostrando o seu nulo interese por Lugo”.

Manuel Martínez lamentou que “as escusas de mal pagador” sexan “ó que estamos acostumados a escoitar á Xunta con Lugo”, mencionando exemplos como a falta de dotacións de servizos sanitarios básicos na provincia, como Hemodinámica 24 horas, Radioterapia ou Medicina Nuclear, o caso das Pallozas do Piornedo, do que se desentenden e “no que aínda que sexa a súa competencia queren que os arranxos os paguen outros” ou a dependencia, “que está sostida polos Concellos e pola propia Deputación”.