Deputación de Lugo

A Deputación investiu máis de 600.000 euros en melloras de dotacións no rural da Zona Sur da provincia

Pilar García Porto supervisou hoxe catro actuacións solicitadas por veciños de Chantada e Carballedo e que a institución provincial financiou ó 100% achegando un total de 40.000 euros As 85 obras realizadas nos Concellos do sur lugués consistiron principalmente en melloras en dotacións de uso comunitario, acondicionamento de accesos e arranxo de fontes e tríadas de auga

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, avanzou este xoves o remate de 85 obras de acondicionamento e mellora de servizos públicos municipais en todos os Concellos da Zona Sur da provincia. Estas obras, solicitadas polos propios veciños, contaron coa axuda do organismo provincial, que achegou un total de 610.000 euros para financiar ó 100% os custes das mesmas.

García Porto destacou que con esta liña de colaboración, a Deputación “permite executar traballos cuxos custes non asumen outras administracións, de xeito que aforramos cartos fundamentalmente ós Concellos, ó tempo que melloramos a calidade de vida dos veciños do rural e mantemos postos de traballo na provincia, xa que son profesionais lucenses os que realizan estas obras”.

As catro actuacións supervisadas hoxe pola Deputada en Chantada e Carballedo contaron cun orzamento total de 40.000 euros. A primeira destas, cun orzamento de 12.000 euros, consistiu no arranxo dunha antiga escola para darlle uso como local social da Asociación Veciñal Airiña de Meicosta, situada na parroquia de San Fiz de Asma, na que residen máis de 200 veciños. A outra obra financiada en Chantada foi o acondicionamento dun camiño de San Cristovo a Vilaeso, na parroquia de Mouricios, para a que a Asociación de comuneros desta parroquia de preto de 70 veciños recibiron unha axuda outros 12.000 euros.

Xa no Concello de Carballedo, García Porto supervisou o resultado das obras de mellora de accesos para os máis de 60 habitantes da parroquia de Milleirós, financiadas con 12.000 euros. Finalmente, os membros da Asociación Veciñal da Costiña, na parroquia de Castro, contaron cunha axuda de 3.000 euros para realizar algunhas melloras no seu local social.

85 obras na Zona Sur

As obras supervisadas hoxe son parte das 85 que contaron do financiamento da Deputación de Lugo nos Concellos do Sur lugués. Cunha financiación media por Concello de 32.100 euros, un 48% das actuacións para as que os veciños pediron a colaboración da institución provincial consistiron en acondicionamento de camiños e outros accesos, tanto a vivendas como a fincas de traballo ou explotacións. En segundo lugar, destacan as melloras en dotacións de uso comunitario, tales como locais sociais, lavadeiros ou áreas recreativas –un 35% do total-. O 16% restante foron obras de acondicionamento de fontes e abastecemento de augas.