Deputación de Lugo

A Deputación colabora coa Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo na concienciación fronte á violencia de xénero

Imaxe deputación de lugo
Este colectivo organiza este luns, a partires das 18:30 horas no Cei-Nodus, unha mesa redonda coa que finalizará a 2ªedición do curso Especialista en Intervención con Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero Prestixiosos expertos, como a xuíz Estela San José ou o Subinspector da Unidade Especializada da Policía, Enrique Jesús Jiménez, abordarán dende diferentes puntos de vista o drama da violencia contra as mulleres

A Deputación colabora coa Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU), que agrupa a máis de 150 emprendedoras, no impulso de diferentes iniciativas postas en marcha por este colectivo en ámbitos como o fomento da actividade empresarial e do emprendemento, así como outros temas de interese para as mulleres lucenses en xeral. Precisamente nesta liña, AELU ten organizada unha mesa redonda, que se celebrará este luns a partires as 18:30 horas no Edificio Cei-Nodus, na que prestixiosos expertos abordarán, dende diferentes puntos de vista, importantes aspectos a ter en conta cando se está a falar de violencia de xénero.

Este acto, que as empresarias lucenses organizan a través de Edeidades -a vertente da asociación que atende a temas relativos á integración laboral e social da muller-, será o peche do curso de Especialista en Intervención con Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero, organizado pola entidade e no que participaron 25 persoas que coa participación nesta mesa redonda darán por finalizada a súa formación neste eido.

A xuíz do Xulgado nº3 de Lugo, Estela San José; o Subinspector de Policía da Unidade Especializada en mulleres vítimas de violencia de xénero, Enrique Jesús Jiménez; a Directora Técnica de GAELA e especialista en materia de Igualdade, Cristina Justo ou a avogada da Casa da Muller de Lugo, Mª Jesús González, abordarán múltiples aspectos a ter en conta cando se está a falar de violencia contra as mulleres: á concienciación e educación en igualdade; o asesoramento legal nestes casos; os aspectos xurídicos da lexislación vixente; ou os procedementos para a denuncia e protección das vítimas, serán algúns dos temas e enfoques que estes expertos ofrecerán ós asistentes.