Deputación de Lugo

A Deputación arranca hoxe o novo plan de impulso das vendas dos produtos autóctonos a través de establecementos hostaleiros

10 balnearios, hoteis e paradores comezan este venres a promocionar os produtos autóctonos nos seus negocios, aproveitando a afluencia de visitantes con motivo do San ValentínTrátase dunha iniciativa da Deputación en Lugo, que desenvolveron Comunidades como Asturias ou Cantabria acadando resultado exitosos Nos próximos días, farán o mesmo outros 4 establecementos lucenses sendo, inicialmente, 14 os negocios hostaleiros da provincia os que facilitarán a venda de 55.000 lotes de produtos. Posteriormente, a institución estenderá este proxecto a máis establecementos

A Deputación arranca hoxe o seu novo plan de impulso das vendas dos produtos autóctonos a través de destacados establementos hostaleiros, unha iniciativa desenvolta noutras Comunidades, como Asturias e Cantabria, con resultados exitosos. 10 balnearios, hoteis e paradores lucenses comezan este venres, aproveitando a afluencia de visitantes con motivo do San Valentín, a promocionar variados produtos nos seus establecementos.

Os centos de persoas que xa fixeron a súa reserva para hoxe nestes negocios atoparán un expositor baixo o lema “E para comer Lugo” con, por exemplo, chourizos e salchichóns do Piornedo; oruxo branco, licor café, licor de herbas e crema de oruxo de Becerreá; tortas e madalenas de améndoa de Guitiriz; tartas e amendoados de Mondoñedo; bolachas de castañas, crema de castaña e marmeladas do Folgoso de Courel; mel do Valadouro...

Proximamente, nas portadas das páxinas web dos establecementos haberá un apartado destacado e específico con información sobre os produtos autóctonos, no que se remarcarán todos os seus puntos de venda e no que se incluirá un enlace á 1ª plataforma de comercio electrónico da provincia, www.losproductosdelugo.com, para a súa compra directa en Internet. Ó longo do ano, principalmente en datas de maior afluencia de público, como Semana Santa, San Froilán, Arde Lucus..., os negocios hostaleiros organizarán actividades de promoción, como por exemplo degustacións.

Establecementos iniciais

Os 10 destacados establecementos lucenses que comezan hoxe a promocionar os produtos autóctonos para incrementar as súas vendas co plan da Deputación son: Parador de Ribadeo; Parador de Vilalba; Parador de Monforte de Lemos; Hotel Spa Attica 21 Vilalba; Hotel Ego; Hotel O Val do Naseiro; Hotel Thalasso Cantábrico Las Sirenas; Hotel Coto Real; Hotel Balneario de Guitiriz e Hotel Balneario Augas Santas. Nos vindeiros días, farán o mesmo os seguintes 4 negocios hostaleiros: Gran Hotel Lugo; Hotel Pazo de Orbán e Sangro; Hotel Santiago, e Hotel Jorge I.

De xeito inicial, son 14 os balnearios, paradores e hoteis lucenses sumados a este novo proxecto da institución e 55.000 os lotes de produtos que se promocionarán ó longo de 8 meses. Comprobados os resultados, o organismo provincial estenderá esta iniciativa a máis establecementos e produtos.

Con este novo proxecto, a Deputación contribúe á creación de sinerxias entre profesionais da provincia, co obxectivo mellorar a súa competitividade. Deste xeito, os produtores amplían o seu mercado mentres os hostaleiros ofrecen un novo atractivo nos seus establecementos, incrementando ambos os seus beneficios.