Deputación de Lugo

9 Concellos da Terra Chá xa teñen as súas prazas wifi

Lara Méndez deu conta da posta en funcionamento de puntos de acceso gratuíto a internet nas prazas públicas e Casas Consistoriais de Meira, Pol, Ribeira de Piquín, Muras, Abadín, A Pastoriza, Castro de Rei, Begonte e Guitiriz, nos que a Deputación investiu 315.000 euros En toda a Terra Chá só os Alcaldes de Cospeito, Vilalba e Xermade renunciaron a este programa do organismo provincial, a pesares de non ter custe algún para as arcas municipais, privando deste servizo ós máis de 22.000 veciños destes Concellos

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, deu conta este martes da posta en marcha do servizo de conexión wifi gratuíta en consistorios e prazas públicas que a Deputación habilitou en 9 Concellos da Terra Chá. Fíxoo en Meira, onde acompañada do Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, e do Alcalde deste municipio, Ramiro Pérez, comprobaron a efectividade deste servizo.

Lara Méndez destacou que “trátase dun servizo público de calidade que mellora as comunicacións e dota ós veciños de novas posibilidades de uso das TIC, impulsando a actividade comercial e ampliando as opcións de negocio independentemente do seu lugar de residencia”.

A Deputación asumiu a totalidade dos custes da instalación deste servizo para os Concellos que se sumaron ó Innova-TE, que na Comarca chairega foron, ademais de Meira, Pol, Ribeira de Piquín, Muras, Abadín, A Pastoriza, Castro de Rei, Begonte e Guitiriz. Cada municipio conta xa con 3 puntos de conexión a Internet: 1 situado na praza do Concello e 2 no interior das Casas Consistoriais para o que o organismo provincial destinou 315.000 euros, cofinanciados nun 80% con fondos europeos.

O programa tecnolóxico da Deputación, ademais de dotar de acceso libre e gratuíto ós máis de 25.500 habitantes destes Concellos chairegos, incluíu outros servizos como unha auditoría para coñecer as necesidades da administración local, asesoramento tecnolóxico para optimizar o uso da sede electrónica implantada na primeira fase do Innova-TE, a creación dun portal web e a mellora da calidade do servizo de banda longa, entre outros.

Inexplicablemente, os Alcaldes de Cospeito, Vilalba e Xermade, rexeitaron sumarse ó plan da Deputación, a pesares de non ter custe algún para as arcas municipais e impedindo, deste xeito, que os 22.000 veciños que viven nestes municipios teñan acceso gratuíto a Internet.