Deputación de Lugo

Centros Escolares de todos os Concellos da provincia participarán nas actividades da Deputación nos Días Mundiais da Árbore e da Auga

López Izquierdo deu conta da programación para os próximos días que inclúe lecturas didácticas, traballos específicos segundo a idade dos alumnos e a plantación de árboresA Deputación ven de entregar o material necesario ós centros participantes co que desenvolverán as actividades programadas para a celebración desta efeméride Nesta edición participarán 10.000 alumnos de 97 centros escolares da provincia co que o organismo provincial reforza as actividades de divulgación do patrimonio natural lucense

Centros escolares de todos os Concellos da provincia participarán nas actividades programadas pola Deputación para celebrar os Días Mundiais da Árbore e da Auga. Así o deu a coñecer a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, no Centro de Educación Especial Santa María en Lugo, onde xa teñen todo disposto para celebrar esta efeméride.

López Izquierdo explicou que nesta edición son 97 os Centros educativos que se sumaron á actividade impulsada pola Deputación, entre eles dous Centros de Educación Especial da provincia e todos contan xa co material necesario para traballar nunha unidade didáctica específica sobre esta temática. Cada centro recibiu un conto para cada alumno co que traballar na clase, un exemplar de loureiro para plantar no colexio e unha guía para o profesorado. Así, serán máis de 10.000 os rapaces que desfruten das actividades programadas polo organismo provincial. López Izquierdo explicou que “a iniciativa da Deputación persegue un dobre obxectivo: por unha banda, divulgar a través dun conto os valores da natureza e, por outra, animar ós alumnos a protexer o medio ambiente ó facerse responsables da plantación e coidados da súa árbore”.

O tesouro das Terras do Miño

O conto “O tesouro das Terras do Miño” de Xosé A. Perozo, con ilustracións de Suso Cubeiro, conta a aventura de 3 rapaces pola Reserva da Biosfera Terras do Miño que fan un percorrido fantástico por este territorio para celebrar os Días da Árbore e da Auga. O texto dá a coñecer a Reserva da Biosfera con datos de interese didáctico ó tempo que promove unha actitude responsable na conservación do medio ambiente.

O profesorado dos centros conta cunha guía para sacarlle o máximo partido a este material na que se inclúe a proposta de actividades para realizar nas aulas segundo a idade dos alumnos. O propio 21 de marzo, Día Mundial da Árbore e da Auga, os rapaces plantarán o seu loureiro que bautizarán e regarán por primeira vez.