Deputación de Lugo

400 persoas encheron o MIHL facendo da Gala Lvcvs Moda 2014 un novo éxito da moda e da solidariedade lucense

- O evento presentado pola actriz Isabel Blanco recadou 8.000 euros, que nos vindeiros días se entregarán ó Fogar do Transeúnte, e supuxo un novo apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade grazas ás sinaturas acadadas durante a noite - Numerosos medios de comunicación e bloggers seguiron a Gala, asegurando así unha ampla difusión en prensa e redes sociais das creacións dos 7 deseñadores, 18 firmas de artesanía e 14 peluquerías da Asociación Pelirroja presentes - O vídeo da Gala realizado polos alumnos da Escola de Imaxe e Son, as mellores imaxes dos modelos presentados, así como as fotografías do photocall, estarán dispoñibles a partires do xoves na web www.deputacionlugo.org

A 5ª edición da Gala Lvcvs Moda converteuse novamente no mellor escaparate para os creadores da provincia, conquistando un ano máis a todos os asistentes. Máis de 400 persoas, entre as que se atopaban a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, xunto con outras autoridades, presenciaron a pasarela benéfica celebrada hoxe no Museo Interactivo da Historia de Lugo. O evento, presentado pola actriz galega Isabel Blanco, conseguiu recadar 8.000 euros, que nos vindeiros días se entregarán ó Fogar do Transeúnte de Lugo.

Ademais do seu carácter benéfico, a Gala Lvcvs Moda 2014 supuxo un novo acto de  apoio popular á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. De feito, a práctica totalidade dos asistentes deixaron constancia deste apoio asinando nos libros oficiais da Unesco que estiveron á súa disposición no MIHL. Estes mesmos libros son os que dende o pasado mes de outubro levan percorrido moitos dos Concellos da provincia, a bordo do autobús da campaña iniciada pola Deputación de Lugo e coa se que levan recollido máis de 10.000 sinaturas ata o momento.

Impulso do deseño e a moda lucense
Os 7 deseñadores; as 18 firmas de artesanía e as 14 peluquerías participantes, todos eles inspirados pola esencia da Ribeira Sacra, deixaron patente o nivel lucense do sector, capaz de conxugar a tradición artesanal da provincia e técnicas máis modernas para crear deseños únicos e de vangarda. O sector do deseño lucense xa se ten revelado como un destacado factor de xeración de riqueza e emprego; de feito, e grazas ó pulo que supón esta cita da moda lucense, algúns dos creadores lucenses presentes dende hai anos nesta Gala, tiveron que contratar máis traballadores para facer fronte á carga de traballo que supuxo o aumento nos encargos recibidos, moitos dos cales proveñen mesmo de fóra de Galicia.

Hai que ter en conta que este sector representa o 13,9% do PIB da Comunidade e a provincia de Lugo, en particular, aglutina 25 das preto de 300 empresas galegas -30 máis que o pasado ano- que exportan ó estranxeiro. Estes datos amosan o prometedor futuro que teñen ante si a moda e o deseño lucenses.

Para dar maior difusión ó traballo destes profesionais, todos os asistentes recibiron, como xa é habitual, un folleto con toda a información necesaria para adquirir as creacións dos deseñadores e artesáns presentes na pasarela de moda, así como os servizos das peluquerías.

Difusión nos medios
Coma en anteriores ocasións, foi numerosa a presenza de medios de comunicación, asegurando así unha ampla difusión mediática do evento. Esta Gala tamén atraeu a atención de numerosos bloggers, de xeito que un ano máis será destacable o impacto da pasarela nas redes sociais.

Grazas ó intenso traballo dos alumnos da Escola de Imaxe e Son, que deron cobertura a todo o acontecido dentro e fóra da pasarela, todos os que o desexen poderán visionar o numeroso material audiovisual que a partires deste xoves estará dispoñible na web www.deputacionlugo.com, e que tamén será emitido en vindeiras datas en diversas canles de televisión. Tamén estarán dispoñibles todas as imaxes do photocall instalado á entrada do recinto, no que centos de asistentes quixeron fotografarse para ter un recordo da noite.

As propostas dos creadores
Os sete deseñadores lucenses presentaron as súas propostas, inspiradas pola luz e as cores da Ribeira Sacra.

  • Luis Areñas para Manuela López. Este veterán da Gala sorprendeu positivamente ós asistentes coa súa colección de calzado transparente, o que aportou máis luz se cabe ós seus elaborados deseños, caracterizados pola feminidade das transparencias, confeccionados en luxosos tecidos propios da alta costura, coma os bordados en cristal.
  • Montse Arias mostrou unha colección composta por elegantes modelos pensados para unha muller moi feminina e glamourosa, algo
  • Inpe-Abrigo Verde-SCQ: os modelos presentados por Inés López amosaron a tónica habitual, de pezas base, realizadas en pe, tanto nova coma reciclada –a propia da liña Abrigo Verde-, xunto coa súa nova proposta SCQ, chea de pezas inspiradas e pensadas no Camiño de Santiago.
  • Tina Cortón levou á pasarela creacións marcadas pola sinxeleza e o realismo, afastadas do ostentoso, “o que as mulleres queren poñerse”. As cores moradas, grises e laranxas centran unhas creacións versátiles e divertidas.
  • Teresa Pardo, de Mariola Lulú: debutou por vez primeira nunha pasarela cunha colección composta por deseños cheos de creatividade, nos que os estampados de vivas cores xogan un destacado papel en combinación co encaixe, pensados para unha muller que non teme arriscar no seu día a día.
  • María Tacón: tamén estreándose, Purificicación Godoy presentou deseños caracterizados pola feminidade dos patróns, cheos de orixinais detalles nos ombros, cadeiras ou mangas e as combinacións de estampados sen perder certa sobriedade.

As 18 firmas de artesanía amosaron ó público as súas creacións de xoiería, marroquinería e outros complementos de vestir, conxugando tradición e modernidade. Prendas de vestir realizadas con fibras naturais tecidas con técnicas de cestería; xoias elaboradas con metais nobres e materiais innovadores; traxes de lá inspirados no pasado histórico de Lugo; e mesmo traxes de noiva, foron do agrado dos asistentes pola súa orixinalidade, froito de infinitas horas de traballo.

Tamén como xa é habitual, o espectáculo ofrecido polos peluqueros-estilistas da Asociación Pelirroja foi espectacular. Inspirados nas formas e na paisaxe da Ribeira Sacra, estes 14 profesionais sorprenderon coas súas propostas. Para a súa elaboración, no que empregaron longas horas de traballo, estiveron axudados polos alumnos do IES Muralla Romana.

25 colaboradores
Como complemento ó espectáculo, as 25 empresas lucenses que colaboraron coa Gala, deron a coñecer os seus produtos e servizos durante o cátering ofrecido pola Asociación Pelirroja e os deseñadores presentes ó remate da velada, de xeito que os centos de asistentes puideron coñecer de primeira man o bo facer destas firmas lucenses, impulsando así a súa actividade.