Deputación de Lugo

Autónomos e micropemes lucenses poderán apuntarse no programa gratuíto en impulso dos seus negocios ata o 31 de maio

Imaxe deputación de lugo
- Recibirán gratis asesoramento individual e personalizado para ampliar áreas e canles de venda, captar clientes, mellorar o posicionamento en redes sociais ou incorporar solucións software
- Ata 300 pequenos negocios da provincia poden solicitar este plan en www.deputacionlugo.org. Máis información na propia web ou chamando ó 982-26-00-08 

Autónomos e micropemes da provincia poderán inscribirse ata o 31 de maio no programa gratuíto en impulso dos seus establecementos que lles ofrece a Deputación de Lugo, en colaboración coa Escola de Organización Industrial. A institución luguesa amplía o prazo de solicitude do Proxecto de Dinamización do Tecido Empresarial, atendendo ás peticións dos profesionais da provincia. Os interesados poden facer a súa solicitude en www.deputacionlugo.org, ó igual que xa fixeron uns 150 autónomos e micropemes, ata cubrir as 300 prazas dispoñibles.  Máis información na propia web ou no 982-26-00-08.

Acceso a mercados nacionais e internacionais, aumento e fidelización de clientes ou melloras organizativas no traballo, son algúns dos beneficios desta iniciativa. Os participantes recibirán asesoramento individual e especializado dun equipo de profesionais sobre xestión comercial, márketing dixital e implantación de novas tecnoloxías.

O programa Proxecto de Dinamización do Tecido Empresarial ofrece os seguintes tipos de asesoramento, a escoller entre os participantes:

  • Asesoramento en implantación de novas tecnoloxías: proporanse solucións software de negocio. Por exemplo, implantación de infraestruturas de TIC básica ou avanzada; ferramentas de produtividade, facturación, contabilidade, ERP, CRM, Certificado dixital; cursos de formación no ámbito TIC, xestión de fluxos de clientes...
  • Asesoramento en xestión comercial: determinaranse novas liñas de actuación na xestión de mercados e clientes. Por exemplo, novas áreas xeográficas e canles de venda, métodos de captación e fidelización de clientes, medios e ferramentas de promoción on-line...

Ámbolos tipos de asesoramento inclúen accións de mellora encamiñadas a impulsar a estratexia de márketing dixital. Para elo, farase unha completa avaliación das páxinas web (deseño, usabilidade, navegalidade...); do posicionamento nas redes sociais, da reputación online, dos beneficios dun blog, da xeolocalización nas principais plataformas...