Deputación de Lugo

Deputación, Concello de Lugo e veciños da Milagrosa impulsan a 17ª edición da Feira de San Isidro

- A Deputada de Deseño e Artesanía; a Concelleira de Cultura, e o Presidente da Federación de Asociacións Veciñais presentaron hoxe a XVII Feira de Produtos do Campo e Artesanía da Milagrosa
- A maior feira urbana de Galicia, que reunirá máis de 100 expositores, celebrarase os días 23, 24 e 25 de maio na Praza Agro do Rolo deste popular barrio da capital lucense
- Este evento atrae cada ano a centos de persoas procedentes de toda a provincia, doutros puntos de Galicia e mesmo doutras Comunidades, coma Castela e León

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín; a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o Presidente da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo, Jesús Vázquez, presentaron nun acto que tivo lugar este mércores no Salón de Actos de San Marcos, a 17ª edición da Feira de Produtos do Campo e Artesanía do Barrio da Milagrosa. A cita, que terá lugar os días 23, 24 e 25 de maio, reunirá a máis de 100 expositores -30 máis que o ano pasado- o que a convirte “na maior feira urbana de Galicia”, tal e como destacou Jesús Vázquez. Debido a este aumento do número de participantes, os organizadores do evento decidiron trasladar os postos á Praza Agro do Rolo.

Regina Polín subliñou que a colaboración da Deputación está máis que xustificada, porque este evento “serve de inmellorable escaparate para dar visibilidade e promoción a pequenas e medianas empresas da provincia”, e quixo felicitar á Asociación Veciñal polo seu intenso e comprometido labor para mellora a cidade e a vida dos seus habitantes.

Pola súa banda, Jesús Vázquez agradeceu a colaboración prestada por Deputación en múltiples ocasión, así como o Concello de Lugo, en particular pola dotación dunha instalación eléctrica permanente á Praza da Agro do Rolo”, servizo que Carmen Basadre destacou polo importante aforro que supón para as arcas municipais.

Produtos autóctonos de calidade
A Feira de Produtos do Campo e Artesanía pretende ser unha mostra do mellor dos produtos de toda a provincia, como o queixo do Cebreiro; o viño da Ribeira Sacra; os embutidos de Sarria ou as filloas de Muimenta, entre outros. Tamén a Deputación cederá 5 lotes cos produtos autóctonos máis destacados (licores, mel, tortelanas de millo, etc.) e distinguidos co selo de calidade LugoSabe, cos que o organismo provincial promociona e impulsa a súa distribución e venda.

Ademais, na cita estarán presentes expositores de toda Galicia e doutros puntos da xeografía española, como León, Zamora, Asturias, ou mesmo de Portugal. Os produtos gastronómicos non serán os únicos que ocuparán os stands, senón que tamén haberá postos con maquinaria agrícola, plantas ou produtos téxtiles.
A feira, que se vén celebrando coincidindo coa festividade de San Isidro por ser de tradición no barrio, comezou a súa andaina para rememorar as orixes rurais de moitos dos veciños da Milagrosa. Ademais das diversas actividades que se realizarán, destaca a celebración de tres festas gastronómicas que son un dos reclamos da feira. O broche final á feira será a entrega dos Premios Xosé Carballido, ós postos que conten con maior aceptación entre o público.

Programación dos actos
As actividades comezarán o venres 23 coa apertura ó público dos stands, e prolongaranse durante toda a fin de semana:  exhibicións deportivas; actuacións musicais, degustacións de produtos gastronómicos; entrega de premios, etc. Para ampliar os atractivos lúdicos da feira, o Centro de Artesanía e Deseño achegará tres artesáns que farán demostracións en vivo dos seus oficios. Estes artesáns serán a vilalbesa Noela Feal, que o día 24 amosará o xeito de traballar o tear; o domingo, será o ferreiro de Riotorto Óscar Villeda quen mostrará a súa destreza na forxa na xornada de mañá, mentres que Pablo Mazoi, de Lugo, fará unha demostración do seu traballo coa cerámica durante toda a tarde. O programa completarase con

O evento adoita reunir multitude de persoas en cada edición, o que amosa que a feira está afianzada no calendario dende hai anos e serve como escaparate para os produtos autóctonos. Este evento non só atrae a persoas de toda a provincia, senón que son moitos os visitantes que a visitan procedentes doutros puntos de Galicia e doutras Comunidades, coma Castela e León.