Deputación de Lugo

Gómez Besteiro apoia as reivindicacións da Plataforma en defensa da sanidade pública de Monforte

- O Presidente avaliou con representantes da Plataforma a situación na que se atopa o Hospital de Monforte ante “a deriva do Partido Popular de afastar os servizos públicos dos cidadáns, tanto a sanidade como a xustiza, facéndoos menos accesible e máis caros”
- Maribel García destaca que a eliminación da área sanitaria monfortina supuxo recortes de servizos, posto que, por exemplo, xa non se realizan determinadas probas cardiolóxicas 

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez, mantivo este mércores unha xuntanza coa Presidenta da Plataforma en defensa da sanidade pública de Monforte, Maribel García, e con outra dos seus integrantes, Purificación Rodríguez, na que abordaron a situación na que se atopa o hospital monfortino ante “a deriva do Partido Popular de afastar os servizos públicos dos cidadáns, tanto a sanidade como a xustiza, facéndoos menos accesible e máis caros”, destacou Gómez Besteiro.

En mostra disto, Maribel García destacou que a eliminación da área sanitaria do Hospital de Monforte supuxo o recorte de servizos sanitarios como, por exemplo, os do Laboratorio, onde xa non se realizan analíticas especiais, como as de cardioloxía, cando antes si se facían e os resultados dábanse no mesmo día. Agora, os doentes teñen que desprazarse ó Hula e esperar semanas para saber, por exemplo, se sofren insuficiencias respiratorias. A Plataforma reivindica a recuperación da área sanitaria de Monforte, reivindicación compartida pola Deputación, que hoxe ratificou o Presidente.

Gómez Besteiro defendeu que “non se miden os servizos en función de onde hai máis ou menos poboación, senón coa garantía de que todos os cidadáns teñan dereito a recibir un bo servizo público, nas mesmas condicións, con independencia de onde vivan. Isto vincula a área comarcal do Hospital de Monforte, que presta servizo a 51.000 lucenses, nun contexto demográfico deficiente, posto que máis do 35% son maiores de 65 anos. A poboación máis envellecida, que demanda estes servizos como máis asiduidade, necesita un acceso máis áxil á sanidade”. O Presidente lembrou a aprobación dunha moción no Pleno en defensa do mantemento das áreas sanitarias dos hospitais de Monforte e Burela, que non acadou o respaldo do Partido Popular, pero si o do Goberno Provincial

“O modelo da dereita é igual en todos os servizos públicos”
“O modelo do PP, da dereita deste país, é idéntico en todos os servizos públicos: primeiro afasta o servizo público para logo encarecelo, como paso previo a súa privatización, tal e como están a facer outros Gobernos da dereita en Europa. Cando un servizo público se afasta, faise menos accesible e deixase de empregar. O seguinte paso é que se pague por el”, remarcou Gómez Besteiro. Precisamente, outra das preocupacións da Plataforma, compartida pola Deputación, é a externalización de servizos sanitarios, posto que “é un paso máis cara a privatización da sanidade pública”, destacou Maribel García. A Xunta externalizou os labores de esterilización do material sanitario; a central telefónica de chamadas de cita previa; a alta tecnoloxía diagnóstica e terapéutica; o mantemento de equipos de plataforma loxística de medicamentos; o arquivo de historias clínicos; a atención de accidentados leves de tráfico; ou as telecomunicacións. Ademais, a Xunta decidiu que as compras do material de radioloxía, medicina nuclear e radioterapia decidiraas unha empresa privada.

Servizos Hula
Outras das reivindicacións da Deputación en materia de sanidade, que hoxe lembrou o Presidente, é a dotación de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear. Ó respecto, Gómez Besteiro remarcou que “non é admisible que nos digan agora que en 18 meses se vai a plantexar esta cuestión, cando hai un compromiso. Senón o vai a cumprir que o digan ou que expliquen que dificultades están a atopar”.