Deputación de Lugo

As políticas de goberno aberto, a debate na Deputación de Lugo

- Lara Méndez presentou o Seminario sobre o Goberno Aberto da provincia de Lugo, que se celebrará entre o 18 e o 20 de xuño, no que destacados expertos analizarán os avances logrados coas TIC na acción de goberno ou a posta en marcha de políticas de goberno aberto - Méndez destacou que a Deputación de Lugo, “pioneira en abrir á xestión do goberno á cidadanía, leva tempo traballando en prol da participación cidadá para mellorar a calidade democrática e a transparencia da institución” - O prazo de inscrición ábrese hoxe en www.deputacionlugo.org. O aforo é limitado a 150 persoas, polo que as entradas se formalizarán por rigorosa orde de inscrición. Esta actividade está aberta a todos os públicos e a participación é gratuíta.

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada polo Director de Fondos Europeos da Deputación, Pablo Rivera, presentou hoxe o 1º Seminario sobre o Goberno Aberto da provincia de Lugo, que acollerá a Deputación de Lugo entre os días 18 e 20 de xuño. Este seminario contará coa presenza de destacados expertos en xestión pública, goberno aberto e novas tecnoloxías, que abordarán temas coma os avances logrados coas TIC na acción de goberno ou a posta en marcha de políticas de goberno aberto orientadas á mellora do benestar da cidadanía.

Lara Méndez destacou que a Deputación de Lugo, “pioneira en abrir á xestión do goberno á cidadanía, leva tempo traballando en prol da participación cidadá para mellorar a calidade democrática e a transparencia da institución”. De feito, a de Lugo é a primeira deputación española en contar cuns presupostos participativos, ademais de poñer en marcha outras iniciativas coma un portal dixital de información entre Concellos e Deputación ou a separación dos políticos das mesas de contratación, entre outras. “Este é un compromiso firme, un camiño en retorno. Como sempre dixemos, a democracia representativa ten que facerse democracia participativa”.

Segundo subliñou a Vicepresidenta, este seminario permitirá abrir un amplo debate sobre temas coma as políticas orientadas ó goberno aberto e seu grao de desenvolvemento na provincia de Lugo; analizar as posibilidades que ofrecen as TIC para o deseño e posta en marcha de políticas públicas, ou o papel do cidadán na planificación e execución dos servizos públicos. De feito, “é fundamental dar voz ós veciños para que coñezan cal é o funcionamento e cales os servizos que prestan as administracións, que proxectos desenvolven e onde se invisten os cartos.

A cidadanía ten que ter un papel clave no deseño da folla de ruta da administración, no establecemento das nosas prioridades”, sentenciou Méndez.

O seminario Goberno aberto na provincia de Lugo creará un espazo para o achegamento e o debate entre responsables políticos, cidadáns e empregados públicos, acerca do fenómeno da difusión das tecnoloxías da información e a comunicación dos gobernos e a cidadanía, atendendo especialmente ó ámbito local.

Programación das xornadas
Pola súa banda, Pablo Rivera destacou que serán ata 15 expertos procedentes de Universidades españolas coma a Pompeu Fabra; a de Santiago de Compostela; a Universitat Oberta de Catalunya; a do País Vasco; a de Deusto ou a de Barcelona, así como das Universidade de Cardiff e Bath (Reino Unido), os que impartirán numerosas conferencias e tomarán parte en mesas redondas. Recoñecidas figuras especialistas en xestión pública como Carles Ramió Matas; Adela Mesa del Olmo; Agustía Cerrillo i Martínez; Roser Beneito-Montagut ou Andrés Cernadas Ramos abordarán aspectos como a participación cidadá como ferramenta fundamental dos gobernos intelixentes; as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para a mellora da xestión dos servizos públicos ou as smart cities, as cidades intelixentes e socialmente innovadoras.

A programación dará comezo o día 18 de xuño, ás 9:30 horas, coa recepción e acreditación ós participantes. O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá ata 13 conferencias e 3 mesas redondas conforman o programa de actividades que se desenvolverán durante os tres días de seminario. Os asistentes recibirán, posteriormente, un diploma acreditativo de aproveitamento das xornadas.

O prazo de inscrición ábrese hoxe en www.deputacionlugo.org, páxina na que os interesados poderán atopar completa información sobre os horarios e os expertos participantes. O aforo é limitado, polo que as solicitudes se formalizarán por rigorosa orde de inscrición. Esta actividade está aberta a todos os públicos e a asistencia é gratuíta.