Deputación de Lugo

Convidadas todas as asociacións lucenses á elaboración do 1º Orzamento Participativo dunha Deputación en España

-  Gómez Besteiro adiantou que o organismo provincial enviou máis de 1.000 cartas ós colectivos da provincia para pechar cos mesmos o calendario das inminentes reunións, nas que se escoitarán as súas propostas- O Presidente fixo este anuncio na inauguración do Seminario sobre o Goberno Aberto na provincia de Lugo, no 15 expertos nacionais abordarán ata o venres a implantación de políticas que incrementen a participación cidadá e a transparencia na xestión do público

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou que a Deputación convidou a todas as asociacións da provincia ó proceso de elaboración do 1º Orzamento Participativo dun organismo provincial en España, que ten en marcha a de Lugo. Gómez Besteiro adiantou que se enviaron máis dun milleiro de cartas ós colectivos lucenses para pechar cos mesmos o calendario das reunións, que arrancarán de xeito inminente, nas que se escoitarán as súas propostas. O Presidente fixo este anuncio durante a inauguración do Seminario sobre o Goberno Aberto na provincia de Lugo, que se celebra no Pazo de San Marcos dende hoxe e ata o venres, e no que destacados profesionais no país abordan, precisamente, a implantación de políticas que incrementen a participación cidadá e a transparencia na xestión pública como, por exemplo, a creación de orzamentos participativos.

“Para afondar na democracia é imprescindible insistir na transparencia, participación, acción da información ou na rendición de contas. A Deputación de Lugo non ten medo do resultado que derive dun goberno aberto, posto que só entende que, nos tempos que corren, para os cidadáns, e para nós, non é suficiente votar cada 4 anos, senón que queren, e teñen dereito, a ser partícipes na xestión do público día tras día. Por iso, o 2015 será o ano onde a de Lugo sexa a primeira Deputación en España en contar cun orzamento participativo. Estamos traballando nun proceso no que os veciños comparten connosco a responsabilidade de establecer as prioridades do gasto público”, destacou Gómez Besteiro.  

A Deputación de Lugo pioneira
As experiencias de presupostos participativos que se deron ata o momento no país foron no ámbito local, en Concellos e Deputacións. Houbo experiencias en municipios de máis de 200.000 habitantes de Madrid, Sevilla, Zaragoza, Córdoba ou Málaga. As Deputacións de Málaga e Barcelona impulsaron presupostos participativos en Concellos das súas provincias, pero non fixeron participativo o seu propio orzamento. Só a Deputación de Guipúzcoa puxo en marcha no 2013 unha experiencia piloto cunha pequena parte do seu presuposto e nun determinado territorio. Planteou unha consulta cidadá en Urola, para que os veciños esta Comarca decidisen onde investir 500.000 euros da Deputación. Polo tanto, a Deputación de Lugo será a primeira en España en someter todo o seu presuposto á participación cidadá nos 67 Concellos da provincia.

Seminario sobre o Goberno Aberto da provincia de Lugo
O Seminario sobre o Goberno Aberto da provincia de Lugopermitirá abrir un amplo debate sobre temas como as políticas orientadas ó goberno aberto e o seu grao de desenvolvemento na provincia de Lugo; as posibilidades que ofrecen as TIC para o deseño e posta en marcha de políticas públicas, ou o papel dos cidadáns na planificación e execución dos servizos públicos, para que coñezan cales os servizos que prestan as administracións, que proxectos desenvolven e onde se invisten os seus cartos. Estas xornadas crearán un espazo para o achegamento e o debate entre responsables políticos, cidadáns e empregados públicos, acerca do fenómeno da difusión das tecnoloxías da información e a comunicación dos gobernos e a cidadanía, atendendo especialmente ó ámbito local.

Para elo, ata o vindeiro 20 de xuño, o Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá ata 13 conferencias e 3 mesas redondas na que participarán ata 15 expertos procedentes de Universidades españolas coma a Pompeu Fabra; a de Santiago de Compostela; a Universitat Oberta de Catalunya; a do País Vasco; a de Deusto ou a de Barcelona, así como das Universidade de Cardiff e Bath (Reino Unido). Recoñecidas figuras, especialistas en xestión pública, como Carles Ramió Matas; Adela Mesa del Olmo; Agustía Cerrillo i Martínez; Roser Beneito-Montagut ou Andrés Cernadas Ramos abordarán aspectos como a participación cidadá como ferramenta fundamental dos gobernos intelixentes; as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para a mellora da xestión dos servizos públicos ou as smart cities, as cidades intelixentes e socialmente innovadoras.