Deputación de Lugo

Gómez Besteiro destaca que a declaración da Ribeira Sacra como Ben Mundial reforzará a imaxe de marca dos seus viños

- O Presidente abriu o debate O Viño e os seus desafíos, organizado en Monforte por Economía Digital e a Deputación, e no que participaron José Manuel Rodríguez González, Miguel Otero Simón e Xoán Cannas    - Besteiro situou a crise demográfica e o fomento das exportacións como retos fundamentais dun sector que xera 150 millóns de euros ó ano e crea mil empregos directos en Galicia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, destacou este martes o reforzo que supoñerá para a imaxe de marca dos viños da Ribeira Sacra que a zona sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, un proceso impulsado polo organismo provincial. Gómez Besteiro fixo esta valoración na apertura do debate O Viño e os seus desafíos, organizado polo diario Economía Digital e a Deputación, en colaboración co Grupo El Progreso, no marco do ciclo Galicia en clave económica. Nas xornadas, celebradas esta tarde no Centro do Viño de Monforte de Lemos, participaron José Manuel Rodríguez González, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra; Miguel Otero Simón, profesor de Internacionalización e Investigación de Mercados na USC; e Xoán Cannas, director do Instituto Galego do Viño, ademais do xornalista Julián Rodríguez Moscoso como moderador.
Gómez Besteiro subliñou que o sector vitivinícola galego, “cunha imaxe de marca consolidada e prestixiada”, crea riqueza e emprego “xusto alí onde máis falta fai, no medio rural, xerando 150 millóns de euros ó ano e máis de 1.000 empregos directos, pero tamén repercute no turismo e na imaxe que Galicia proxecta fóra”.
En canto ós desafíos da actividade vitivinícola, o Presidente plantexou “dúas cuestións fundamentais: a crise demográfica e o fomento das exportacións”. En canto ó primeiro reto, o envellecemento e a perda de poboación, Besteiro recalcou que se trata do “maior problema do noso país, que afecta xa moi gravemente ás actividades económicas do rural, como a produción de viño”. Indicou como exemplo que na denominación de orixe Ribeira Sacra a media de idade dos viticultores chega nalgunhas zonas ós 70 anos.
Para o mandatario provincial, as solucións pasan por unha “política transversal, consensuada e a longo prazo para fixar poboación, e por establecer incentivos específicos e facilidades para que os nosos mozos vexan o rural como unha oportunidade de futuro próspera”. Tamén incidiu na importancia de que o Goberno central non aplique un novo imposto ó viño, como plantexa, atendendo deste xeito ó acordo unánime que adoptou hai dúas semanas o Parlamento de Galicia en contra do novo tributo por iniciativa dos socialistas.

Cara a internacionalización
En canto ó reto da exportación, “consciente de que o mercado nacional está hoxe practicamente estancando, o sector traballa na liña da internacionalización, como demostra que as exportacións aumentasen en máis dun 30% nos últimos cinco anos”, asegurou o Presidente, quen neste obxectivo de abrir novos mercados, destacou o labor que desenvolve a Deputación de Lugo, dentro da súa aposta por promocionar os produtos autóctonos.

A institución luguesa ten en marcha a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com na que varios adegueiros da Ribeira Sacra venden o seu viño; implantou a marca LugoSabe, que reforza o recoñecemento das adegas; e vén de poñer en marcha un plan, en colaboración coa prestixiosa Escola de Organización Industrial (EOI), a través do que elabora, de forma gratuíta, plans de innovación ás pequenas empresas e autónomos, nos que se inclúen medidas para abrir a comercialización, mellorar o produto ou márketing on line. Neste senso, o Presidente animou ós adegueiros da Ribeira Sacra a que se anoten neste programa a custe cero, pois “é unha ferramenta idónea para avanzar no reto da internacionalización que hoxe se lles plantexa”.