Deputación de Lugo

A Deputación leva 12 artesáns ó Centro do Viño da Ribeira Sacra para demostracións todos os sábado de agosto

- Faino coa segunda edición dos Sábados Artesáns, que organizan Deputación de Lugo, Asociación de Artesáns Terra de Lemos e Centro do Viño da Ribeira Sacra
- Regina Polín presentou este xoves a programación, que inclúe demostración en vivo, gratuítas e abertas ó público, de profesionais de téxtil, madeira, cerámica, cestaría e coiro
- O escenario será o claustro do Centro do Viño, os sábado de agosto, de 11:00 a 14:00

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada pola Presidenta da Asociación de Artesáns Terra de Lemos, María José Vila; a Concelleira de Cultura de Monforte, Pilar López; e o representante de Rutas Sacras Normar, a empresa xestora do Centro do Viño da Ribeira Sacra, José Ramón Martínez; presentou este xoves a II Edición dos Sábados Artesáns. É unha iniciativa conxunta, que ofrece todos os sábados do mes de agosto demostracións de artesanía en vivo, abertas ó público e gratuítas, nas instalación do Centro do Viño. As persoas que se acheguen poderán practicar estas técnicas coa axudas dos profesionais.

O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación leva ós 12 artesáns que participan neste programa. “O CENTRAD pretende deste xeito achegar a artesanía tradicional a todos os lucenses para que coñezan o bo e fermoso traballo que se realiza por todos os recantos da xeografía da provincia”, subliñou a Deputada. Neste senso, Regina Polín destacou a importancia destas iniciativas que, non só poñen en valor a artesanía típica da provincia, senón que contribúen a dinamizar a economía local. 

O claustro do Centro do Viño acollerá todos os sábados de agosto, en horario de 11:00 a 14:00 horas, mostras en directo de distintas disciplinas artesás: téxtil, madeira, cerámica, cestaría e coiro. A ducia de artesáns que leva o CENTRAD, moitos deles da Ribeira Sacra, participarán nesta segunda edición dos Sábados Artesáns, que arrancarán o sábado día 2, nunha xornada dedicada ó téxtil. Nesta primeira cita participarán Dolores López Vázquez, Pilar Rodríguez Gonda, Susana Ares Rosende e María José Vila González; especialistas, respectivamente, en pintura en tea, lá, bordado creativo e encaixe de bolillos.

O programa continúa o sábado 9, cunha talla en madeira en vivo levada a cabo por Mónica Rodríguez Vázquez e José Luis García Moreira. O sábado 16, será a quenda dos artesáns da cerámica: Amparo Scrich Albentosa e Otilia Arias. A cestaría será o campo no que versa a xornada do sábado 23, cuxa exhibición que correrá a cargo de Lola Tourón e María Otero. Pechará esta convocatoria, a disciplina do coiro, o sábado 30 de agosto, a mans de Fernando Peña Novo e José Ramón LLeó.