Deputación de Lugo

A Deputación aposta pola produción ecolóxica a través do Obradoiro de xestión da fertilidade na agricultura ecolóxica

- A institución provincial, en colaboración coa USC, promove esta iniciativa para que máis de 50 participantes adquiran practicas de fertilización respectuosas co medio ambiente - As xornadas, dirixidas a técnicos, profesionais, estudantes do sector e público en xeral, terán lugar no IBADER e na Escola Politécnica Superior entre os días 8 e 12 de setembro- Inscricións e máis información sobre datas, horarios, prezo de matricula... en adolfo.lopez@usc.es ou nos teléfonos 982.824.500 ou 982.823.135. As inscricións formalizaranse por rigorosa orde de solicitude.

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez; xunto ós directores e coordinadores do Curso, Adolfo López Fabal, María Elvira López Mosquera e José Carlos Brea; o director do CRAEGA, José Antonio Fernández e os representantes de Granxa Maruxa; Café Las Candelas e Galletas Mariñeiras A Veiga , colaboradores do curso, presentou este martes no Salón de Actos da Deputación unha nova acción formativa organizada en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, Obradoiro de xestión da fertilidade na agricultura ecolóxica. Esta iniciativa está financiada integramente pola Deputación e poderán participar un máximo de 50 persoas.

Compromiso coas prácticas ecolóxicas
Durante o evento, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, salientou que “a agricultura ecolóxica vive un momento de auxe na provincia de Lugo pois este campo creceu un 8,22% en superficie, segundo datos do CRAEGA, en relación ó ano pasado”. Méndez lembrou tamén o compromiso da Deputación coa ecoloxía e subliñou que “dende a institución provincial apoiamos as practicas ecolóxicas, a través de iniciativas como o Campus de Emprendemento Sostible, co que se asesorou a 120 emprendedores lucenses e que rematou a súa primeira edición coa apertura de 7 empresas; a granxa do Valadouro, a 1ª escola pública e gratuíta en Galicia de horticultura ecolóxica ou o Fórmate en Verde”, iniciativa coa que os participantes recibiron gratis formación para a creación de empresas e que se materializou co nacemento de 21 novas explotacións, todas elas relacionadas co eido da agricultura e gandería ecolóxica.

Pola súa banda, un dos coordinadores do obradoiro, Adolfo López Fabral, salientou que os obxectivos destas xornadas son “afondar no coñecemento sobre as características do solo relacionadas coa súa capacidade produtiva; a avaliación da fertilidade e o balance de nutrientes no solo; así como os produtos utilizables como fertilizantes en agricultura e as bases de fertilización e planificación do abonado en agricultura ecolóxica”.  

Programación do obradoiro
Estas xornadas formativas sobre fertilizantes agroecolóxicos celebraranse entre os días 8 e 12 de setembro no IBADER e na Escola Politécnica Superior, entre as 16:00 horas e as 21:00 horas. Recoñecidos expertos como os profesores da USC Socorro Seoane, Mª Elvira López, Adolfo López e os asesores en agricultura ecolóxica, Carlos Brea e Xan Pouliquen abordarán temas como a lexislación vixente; a análise dos solos; a corrección do pH do solo; o encalado; o abonado orgánico e mineral ou a fertilización nos cultivos, entre outros. Na última das xornadas celebrarase tamén unha mesa redonda para pór en común coñecementos e resolver dúbidas.

Máis información

Os interesados xa poden inscribirse a través do correo electrónico adolfo.lopez@usc.es ou nos teléfonos 982.824.500 e 982.823.135, onde atoparán máis información sobre datas, horarios, prezo de matrícula... As inscricións formalizaranse por rigorosa orde de solicitude.