Deputación e FADEMUR potencian a incorporación de mulleres rurais ó autoemprego e ás TIC cun convenio de 65.000 euros
A incorporación de mulleres rurais ó autoemprego e o fomento das novas tecnoloxías son dúas das liñas de traballo que Deputación de Lugo e Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR) potenciarán a través do convenio de colaboración por valor de 65.000 euros que asinarán a Deputación de Lugo e o colectivo. Así o deu a coñecer o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, que, xunto á Vicepresidenta Segunda, Lára Méndez, recibiu este luns en San Marcos a Rosa Arcos Caamaño e Verónica Marcos, representantes de FADEMUR. A axuda do organismo provincial resulta fundamental para o mantemento das actividades deste colectivo, que agrupa a 15.000 socias na comunidade galega, tal e como ratificou a súa presidenta, Rosa Arcos: Con esta partida podemos proxectar mellor a nosa mensaxe, dándolle visibilidade á muller do rural, ó tempo que poñemos en valor a importancia da economía do rural, que está tan desprazada, e nin aparece reflexada nas estatísticas .
Máis de 131.000 mulleres non teñen traballo hoxe en Galicia, 20.600 máis que hai cinco anos. Esta circunstancia, unida ó gran potencial do medio rural para xerar riqueza e emprego, fan que proxectos como os de FADEMUR ofrezan alternativas viables de futuro para este colectivo, tan castigado durante estes últimos anos de crise.
Gómez Besteiro destacou neste senso que a muller do rural xoga un papel fundamental na vida e economía familiar, aínda que en moitas ocasións este traballo non se valore. A promoción dos produtos artesanais da provincia e o espírito emprendedor das mulleres son so algunha das claves para xerar riqueza e buscar alternativas de futuro.
O Presidente aproveitou tamén a ocasión para agradecerlle ás representantes de FADEMUR o seu compromiso coa promoción da Ribeira Sacra para a candidatura de Patrimonio da Humanidade a través do programa Son de Campo, e salientou que contar co voso apoio demostra o interese que existe entre os galegos e galegas por que se recoñeza a nivel internacional, tanto a riqueza natural, como a biodiversidade que hai en enclaves como o da Ribeira Sacra.
Pola visibilidade das mulleres rurais
As mulleres do rural son un dos piares da economía, non soamente da provincia, senón tamén de toda a comunidade. O principal problema é a escasa, por non dicir nula, visibilidade deste colectivo tanto nas estatísticas, como na sociedade, incidiu a presidenta da FADEMUR. Deste xeito, coa achega do organismo provincial, o colectivo levará a cabo un proxecto de posicionamento e visibilidade, xa que a muller é un elemento imprescindible para garantir a vida no rural. Os traballos de FADEMUR axudan a frear o despoboamento dos núcleos máis rurais e, en moitas ocasións, son a única entidade que traballa nesta liña. A federación de mulleres rurais tamén apostou por facerse cargo, en moitas vilas, dos servizos socias, dependentes antes das institucións pero que dada a crise económica, deixaron de lado.
Páxina web
Grazas á achega da Deputación, FADEMUR creará tamén unha páxina web, da que ata o de agora non dispón, e levará a cabo unha campaña a través das redes sociais para incorporar a todas as mulleres emprendedoras e darlle visibilidade ás actividades e produtos que elabora, todos artesanais.
Apoio e asesoramento á emprendedoras
Outra das liñas de traballo de FADEMUR, que coincide coa do organismo provincial, é a de apoiar ós pequenos proxectos de autoemprego e emprendemento; sobre todo de produtos artesanais e de agricultura ecolóxica. FADEMUR busca publicitar e incentivar esta actividade económica e asesora ás mulleres que decidan autoempregarse e poñer en marcha un proxecto. Durante un ano, a asociación ofrécelle apoio a todas elas en aspectos como trámites burocráticos, a viabilidade do proxecto ou as claves para promocionar os produtos.
Ademais de asesoramento e apoio para o autoemprego, coa axuda da Deputación terán lugar encontros e intercambios de experiencias entre as emprendedoras para poñer en común retos, dificultades e mecanismos na resolución de problemas á hora de implantar os seus proxectos.
Tamén se organizarán xornadas de sensibilización sobre o papel da muller do rural. Consistirá nunha serie de actos participativos onde, a través das protagonistas, darase a coñecer o alcance do traballo das mulleres no seu entorno. A través desta campaña fomentarase tamén a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, colaborando activamente na recollida de sinaturas e difundindo a candidatura entre as mulleres do rural