Deputación de Lugo

Unhas 160 persoas abarrotan o Centro do Viño de Monforte para colaborar no orzamento participativo da Deputación

- A repercusión e beneficios da declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, así como a mellora de accesos á zona e do servizo provincial de catamaráns  foron tres dos eixos das intervencións    - O Plan Integral do organismo lugués para converter Tor no centro público de Galicia coa oferta máis ampla dedicada á promoción do rural e o seu impacto na actividade socioeconómica da zona xerou un gran interese entre os asistentes  - Houbo críticas ós Gobernos autonómico e estatal por “marxinar” a Monforte e deixalo fóra dunha posición estratéxica, ademais de pola suba da taxa de SOGAMA - A seguinte xuntanza terá lugar o martes, ás 20:00 horas, en Becerreá. Os veciños dos 67 concellos da provincia poden participar ata o 10 de setembro na elaboración dos presupostos a través da web www.orzamentosparticipativos.org

Cada vez máis persoas asisten ás xuntanzas convocadas pola Deputación de Lugo para elaborar os orzamentos participativos, o que constata o crecente interese e apoio social a esta iniciativa de transparencia e rexeneración política, pioneira entre as institucións provinciais de España. Uns 160 veciños abarrotaron onte o Centro do Viño de Monforte na asemblea correspondente a este partido xudicial. A resposta foi tal que houbo persoas que tiveron que seguir de pé o encontro, no que o turismo, coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e o servizo de catamaráns, foi un dos eixos das intervencións, xunto coas infraestruturas.

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e os deputados de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, conduciron a asemblea, na que o Plan Integral que onte mesmo presentou Besteiro para converter Tor no centro público de Galicia coa oferta máis ampla dedicada á promoción económica do rural xenerou un gran interese entre os asistentes, sobre todo polo seu impacto na actividade socioeconómica da zona. Gómez Besteiro comprometeu o arranxo dos 300 metros que restan da estrada provincial que une a parroquia de Seoane coa finca de Tor, unha obra ralentizada polas alegacións que varios veciños presentaron ante o Xurado de Expropiacións e que están pendentes de resolución.

En canto á declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, que ten na Deputación un dos principais impulsores, os participantes quixeron coñecer os beneficios e repercusión que terá sobre a actividade turística, e demandaron axudas para mellorar os accesos na zona.

Os veciños fixeron tamén propostas para mellorar o servizo provincial de catamaráns. No caso da referida a atender ós viaxeiros en varios idiomas, explicóuselles que na actualidade xa se informa na lingua predominante no grupo, ben sexa galego, castelán, inglés...   

Infraestruturas e SOGAMA
Houbo numerosas críticas ós Goberno autonómico e central por “marxinar” a Monforte e deixalo fóra dunha posición estratéxica. “Onde están as infraestruturas que nos prometeron?”, preguntábase un veciño. Tamén expresaron o seu malestar pola suba da taxa de SOGAMA e pediron á Deputación un estudo sobre unha alternativa ecolóxica e máis económica. O alto prezo dos carburantes foi outra das queixas formuladas.

Os veciños preguntaron pola contía e o reparto das axudas a domicilio e reclamaron unha mellor distribución das subvencións ó deporte, cuestión ante a que se lles explicou que o obxectivo da Deputación é saír do accionariado do CB Breogán, para o que xa iniciou o procedemento necesario.

Pediron colaboración tamén para dotar de equipamento ó centro social da Vide, ademais de melloras en pasos de peóns no centro urbano de Monforte.

Nas intervencións houbo varios agradecementos por “esta forma de facer política” e, en concreto, a Besteiro “por ser o primeiro presidente da Deputación de Lugo porque o anterior nunca apareceu”.

As intervencións dos veciños para expresar as súas preocupacións, e os problemas e necesidades que detectan nos seus concellos e pobos conformaron o bloque central dunha asemblea, que arrancou cunha explicación do Presidente sobre que son os presupostos participativos, os obxectivos que perseguen e cal é o procedemento do organismo lugués para elaboralos. Gómez Besteiro detallou tamén como cumprimentar as fichas nas que os veciños plasmaron ó final do encontro a súa opinión sobre cales deben ser as prioridades do orzamento 2015. Expuxo así mesmo a estrutura dos presupostos provinciais: de onde proceden os ingresos; a donde van os gastos ou a evolución da débeda.

As tres prioridades
Tras a introdución e a fase de intervencións, chegou o momento de cubrir as fichas de participación cidadá, nas que os veciños elixiron cales son, ó seu entender, as prioridades polas que debe apostar o orzamento da Deputación no seu partido xudicial. De entre 12 áreas de actuación, seleccionaron 3, puntuándoas do 1 ó 3, sendo 1 a puntuación máis alta, é dicir, a área que se considera prioritaria. As áreas sobre as que puntuar son as seguintes: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medio ambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo. O fomento do emprego, cun 55%, foi a área prioritaria que marcaron maioritariamente os asistentes á xuntanza de Monforte, seguido de infraestruturas, cun 16%, e cultura e políticas sociais, cun 7%.
Próxima cita, en Becerreá
A vindeira semana celebraranse as tres últimas xuntanzas participativas. O martes terá lugar a de Becerreá, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura; en Mondoñedo será o mércores; e en Lugo o xoves.   

Ademais desta ferramenta de participación, con encontros nos 9 partidos xudiciais da provincia, a Deputación abriu outra vía a través da Internet. Deste xeito, os veciños dos 67 Concellos da provincia poden facer ata o 10 de setembro as súas aportacións no portal web www.orzamentosparticipativos.com independentemente de que se teñan celebrado ou non xuntanzas participativas no seu partido xudicial.