Deputación de Lugo

A Deputación inxecta 35.000 euros nunha das estradas de Antas de Ulla que rexistra máis circulación

- García Porto destacou que os traballos “realízanse para garantir a seguridade aos numerosos usuarios da estrada LU-P-4002”,  que discorre polo casco urbano de Antas, une este concello con Palas e será a vía principal para conectar a comarca coa autovía a Santiago - A Deputación despregou no municipio 8 operarios e 4 máquinas para traballos de aglomerado en quente e sinalización horizontal - O Parque Móbil vén de rematar as tarefas de recuperación e limpeza das cunetas do municipio e hoxe está a mellorar o firme da estrada LU-P-1809, de Chantada a Antas

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, supervisou este xoves as melloras que o organismo provincial está a realizar na estrada da súa titularidade LU-P- 4002 -de Palas de Rei, por Ponte Merced, a Antas de Ulla- ao seu paso por este municipio, mediante fondos do Plan de Conservación. García Porto destacou que “estes traballos realízanse co obxectivo de garantir a seguridade dos usuarios desta vía, unha das que rexistra máis circulación na localidade, xa que estamos a falar dun tramo de estrada que discorre polo casco urbano do municipio”. Segundo explicou a Deputada, as melloras “benefician directamente aos máis de 2.000 veciños do Concello, pero o número de beneficiarios destas actuacións, de xeito indirecto é moito maior, xa que a estrada é o principal nexo de unión entre o Concello de Antas de Ulla e Palas de Rei e será a vía principal para conectar a comarca da Ulloa coa Autovía A-54 a Santiago”.

A Deputación inviste uns 35.000 euros para estes traballos de aglomerado en quente que se acometen con recursos de Conservación, cos cales o organismo provincial leva traballado en preto de 1.000 quilómetros de concellos de todas as cores políticas.

A institución luguesa despregou no municipio 8 operarios e 4 máquinas para o arranxo desta vía entre os puntos quilométricos 11070 e 11545. Tamén se acometerá a sinalización horizontal dende o quilómetro 11615 ata o final da estrada, na estrada Nacional 640.
Outras actuacións no municipio
Estas actuación súmanse ás levadas a cabo polo actual Goberno Provincial nos últimos anos.
Recentemente remataron os traballos e recuperación e limpeza profunda das cunetas, labores que forman parte das actuacións de recuperación de estradas co Parque Móbil, que se fai con medios propios da Deputación. Este plan serve para acondicionar os máis de 4.200 quilómetros de estradas que ten a provincia de Lugo, a rede viaria máis extensa de España. A día de hoxe, o organismo provincial tamén está a mellorar o firme da estrada LU-P-1809 (De Chantada a Antas de Ulla), vial fundamental para o desenvolvemento dos concellos da zona.

A Deputación ocúpase do mantemento e roza dos preto de 50 quilómetros de estradas provinciais que discorren por Antas, cun investimento de 229.000 euros dende o ano 2011.