Deputación de Lugo

A muller rural, piar fundamental da provincia

-FADEMUR organizou, con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, un acto conmemorativo para facer balance das actividades que levaron a cabo nos últimos anos - Gómez Besteiro salientou na clausura do acto que “a actitude emprendedora de FADEMUR axuda a garantir a presenza da muller rural nas estruturas produtivas e sociais, mediante a discriminación positiva” - A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais colaborou de xeito importante na campaña de promoción e recollida de sinaturas da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez participaron este sábado na xornada de celebración do Día Internacional da Mulleres Rurais que tivo lugar no Salón de Actos da Escola de Maxisterio en Lugo. Á cita, organizada pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR), asistiron, a Presidenta da Federación de Asociacións, Rosa Arcos, Montenegro, o Secretario Xeral de Unións Agrarias, Roberto García e a Presidenta de El Progreso, Blanca García acompañados de centos de integrantes das diferentes asociacións galegas de mulleres rurais.

No acto, o Presidente da Deputación salientou que “a distribución territorial galega fomenta que a muller rural se dirixa cara o traballo doméstico ou sectores produtivos coñecidos socialmente como “feminizados”, froito da división sexual do traballo”. Así mesmo salientou que se debe loitar contra este tipo de fenómenos con “políticas reais” que fomenten a “incursión da muller en todos os ámbitos da vida laboral”, xa que ela “é o piar fundamental da provincia”. Do mesmo xeito felicitou á Federación de Asociacións de Mulleres Rurais pois “a actitude emprendedora” de FADEMUR axuda a “integrar e garantir a presenza da muller rural en todas as estruturas produtivas e sociais, mediante a discriminación positiva”.

Do mesmo xeito a Vicepresidenta quixo recoñecer o labor que a Federación levou a cabo pois “fomenta a incursión da muller rural no novo panorama socioeconómico e funciona de nexo común entre miles de veciñas, o que impulsa tamén unha identidade común”.

Durante a celebración da xornada, as mulleres rurais, fixeron balance das actividades que levaron a cabo, así como os novos retos que se presentan nesta sociedade tan dispersa xeograficamente. Na sesión, valorouse tamén de xeito significativo o compromiso que este colectivo ten co eido medioambiental, pois, dada a condición laboral de centos delas, apostan polas prácticas ecolóxicas e pola xestión responsable dos recursos.