Deputación de Lugo

Deputación e Sociedade Micolóxica Lucus poñen en marcha Micolucus, publicación sobre a riqueza natural do país

Imaxe deputación de lugo
-Esta iniciativa é froito do convenio de colaboración do organismo provincial coa Sociedade Micolóxica Lucus , que contou cunha achega de 3.000 euros para financiar parte desta publicación
-A revista tratará, ademais de micoloxía, outras materias como etnografía ou botánica, axudando a difundir a riqueza medioambiental da provincia en todo o país
-A Deputación organiza tamén dúas xornadas de micoloxía, que terán lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, do 13 ao 18 e do 20 ao 25 de outubro

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, xunto ao Presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso Díaz, presentou este venres no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a revista Micolucus, publicación de corte naturalista que “busca converterse nun referente no eido medioambiental non só na provincia, senón tamén do país”, segundo salientou a Deputada. O nacemento desta publicación foi posible graza a unha achega de 3.000 euros a través dun convenio de colaboración entre a institución provincial e a sociedade, que tamén permite o financiamento das actividades desta última. Pola súa banda, o Presidente da Sociedade agradeceu á Deputación o seu apoio e afirmou que “sen a súa sensibilidade e apoio non sería posible editar esta revista que hoxe presentamos”.

En Micolucus atoparanse artigos científicos a cargos de expertos en diferentes campos como micoloxía,  botánica ou etnografía. A publicación tamén afondará na riqueza da provincia a través de, entre outros, análises en profundidade e artigos das Reservas da Biosfera de Terras do Miño e Ancares Lucenses. Ademais, esta publicación abre as portas a novas vías de difusión do patrimonio natural lucense xa que será distribuída non só en Galicia, senón tamén na Península e incluso no estranxeiro. Con esta iniciativa búscase establecer ao medio ambiente como un dos motores de xeración de riqueza e de fixación de poboación especialmente no rural.
Xornadas de micoloxía
A Deputación, a través da nova programación da Área de Medio Ambiente, tamén ofrece dúas xornadas sobre fungos. A primeira delas, Iniciación á micoloxía, terá lugar no Salón de Actos da Deputación, entre os días 13 e 17 de outubro, en horario de 19:30 horas a 21:00 horas, e o día 18 de outubro, de 10:00 a 13:30 horas. O obxectivo desta xornada é abordar os conceptos básicos sobre o mundo dos fungos; que son, como viven, o papel ecolóxico que desenvolven nos ecosistemas, e impartir en teoría e práctica, os criterios e coñecementos fundamentais relacionados coa identificación dos cogomelos, con especial atención na prevención das intoxicacións. O segundo obradoiro, que leva o nome de Micoloxía. Nivel II, celebrarase tamén no Salón de Actos entre o 20 e 24 de outubro de 19:30 e 21:00 horas e o 25 de outubro, en horario de mañá. Neste obradoiro afondarase no coñecemento teórico e práctico da micoloxía, especialmente no ámbito da identificación, coa descrición máis polo miúdo das diferentes tipoloxías ou abordando outros aspectos como as propiedades medicinais dos fungos.