Deputación de Lugo

A Deputación impulsa o comercio lugués colaborando coa 5ª edición da Feira Outlet

- Regina Polín presentou unha nova convocatoria da cita que nas últimas convocatorias deixou uns beneficios medios de 100.000 euros, uns 3.500 por comerciante - Máis de 30 negocios lucenses porán á venda stocks de zapatería, téxtil, xoiería, fogar, pel, agasallos, beleza, deporte ou accesorios de mascotas, con descontos de ata o 80% - A 5ª Feira Outlet  estará aberta os días 14, 15 e 16 de outubro na Praza de Anxo Fernández Gómez, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou este luns a 5ª Feira Outlet, organizada pola Asociación de Autónomas e Empresarias, coa que un ano máis colabora o organismo provincial. Trátase da tradicional cita que reúne a ducias de comerciantes lucenses para poñer á venda centos de variados produtos de stock con importantes descontos, que chegarán, como é habitual, ata o 80%.

No acto, no que tamén estiveron presentes a presidenta e a tesoureira da Asociación de Autónomas e Empresarias, Polín subliñou que “un ano máis, a Deputación colabora con esta iniciativa apostando polo impulso da actividade económica na nosa provincia e apoiando ao pequeno comercio lugués”. Nas pasadas convocatorias, tal e como destacou a Deputada, esta cita deixou uns beneficios medios de 3.500 euros por comerciante, polo que é “unha oportunidade que non podemos deixar escapar para apoiar ao sector do comercio e aos emprendedores, que a día de hoxe aínda está atravesando momentos difíciles”. Esta Feira Outlet vén precedida por outras iniciativas similares que a Asociación de Autónomas pon en marcha ao longo de todo o ano co respaldo  da Deputación, coma o Street Market ou a Noite Aberta.

Pola súa banda, a presidenta do colectivo organizador, Nora Real, sinalou os beneficios desta cita, tanto para os comerciantes como para os consumidores, ao tempo que destacaba a oportunidade que supón este certame para dinamizar a cidade de Lugo. 

Máis de 30 comercios, con descontos de ata o 80%
Un total de 32 comerciantes lucenses estarán presentes nesta nova edición da Feira Outlet. Porán á venda centos de produtos variados de stock a prezos considerablemente reducidos, con descontos dun 50% a un 80%. Zapatería, téxtil, xoiería, lencería, fogar, pel, agasallos, peiteado, cosmética, deporte e accesorios de mascotas, -novidade destacada nesta edición-, serán as mercadorías que se poderán adquirir, moitas delas de destacadas marcas.

3 días para mercar
A Deputación reutiliza un ano máis as instalacións preparadas para o Artesanfroilán  para a 5ª Feira Outlet na praza de Anxo Fernández Gómez, detrás do consistorio lucense. A carpa estará aberta dende o martes 14 ao xoves 16 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00  horas.