Deputación de Lugo

Os stands de Cunqueiro Palas de Rei, Obradoiro Entretecido e Artecaurel, galardoados no Artesanfroilán 2014

- Regina Polín entregou os premios de 600, 300 e 100 euros ás tres firmas lucenses, selos dos artesáns Hussein Aali Taleb, Adolfo Domínguez e Carmen Fieiras, e Carmen Álvarez
- A Deputada destacou o feito de que os tres gañadores sexan da provincia e que ademais representen diferentes comarcas e disciplinas

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, entregou este domingo os galardóns aos mellores stands da 18ª mostra Artesanfroilán 2014, a feira que o organismo provincial organiza a través do Centro de Artesaía e Deseño para promover o produto artesán lucense aproveitando a gran afluencia de visitantes á capital durante o San Froilán. O recoñecemento nesta edición foi para tres firmas de artesanía lucenses: Cunqueiro Palas de Rei, que acadou o primeiro premio, dotado con 600 euros; Obradoiro Entretecido, o segundo, de 300 euros; e Artecaurel, o terceiro, de 100 euros.

Polín destacou o feito de que as tres firmas gañadoras sexan da provincia luguesa e que ademais representen diferentes comarcas e disciplinas. Hussein Aali Taleb está detrás de Cunqueiro Palas de Rei, Adolfo Domínguez e Carmen Fieiras detrás de Obradoiro Entretecido, e Carmen Álvarez tras Artecaurel. Os tres foron premiados seguindo os criterios que recollían as bases feitas públicas. Para iso, avaliouse a presentación do produto, a orixinalidade na decoración do stand e o uso de materiais ecolóxicos e sostibles para mellorar a imaxe da mostra.

A delegada provincial de Deseño e Artesanía subliñou tamén a rendibilidade do Artesanfroilán, que nos últimos anos deixou beneficios de máis de 15 millóns de euros e un volume de negocio de máis de 100.000 euros. “É un excelente escaparate para a promoción da artesanía de cara ao exterior”, asegurou Regina Polín, ao tempo que lembrou a aposta da institución luguesa polo sector artesanal, capaz de dinamizar a economía da provincia, crear postos de traballo e fixar a poboación no rural.