Deputación de Lugo

Degustación de produtos dos hortos da Deputación para celebrar o Día da Flor

- Novo éxito da cita que chega xa a súa oitava edición e na que os asistentes recibiron como agasallo centos de plantas medicinais - 400 persoas traballan noutros tantos hortos situados na contorna do río Rato en pleno cinto verde da cidade de Lugo - Sonsoles López Izquierdo avanzou nos os vindeiros meses ofreceranse novas accións formativas gratuítas sobre diferentes aspectos como poda, enxertos ou cultivo de flores e plantas mediciñais

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, xunto aos integrantes da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo, participou este xoves nos actos de celebración do Día da Flor, que tiveron lugar no paseo do río Rato á altura do Centro de Interpretación Terras do Miño. A xornada, que supón o peche da tempada de verán dos hortos, ten como finalidade impulsar esta iniciativa da Deputación ao tempo que potencia o Paseo do Rato como unha alternativa de ocio. A Deputada adiantou que, nos vindeiros meses, haberá novos cursos gratuítos nos que se afondará en aspectos como cultivo da horta, a xardinería, centrándose en cuestións como a poda e os enxertos de árbores froiteiras; o traballo en invernadoiros; os hortos ecolóxicos ou o cultivo de flores e plantas mediciñais.

Sonsoles López Izquierdo salientou que con esta iniciativa “ofrecemos a posibilidade de que centos de veciños se formen en agricultura ecolóxica ao tempo que lle buscamos unha utilidade pública e social a terreos que antes estaban desaproveitados”. Pola súa banda, o Presidente da Federación veciñal, Jesús Vázquez, agradeceu á Deputación a súa colaboración e afirmou que “estas citas axudan a crear lazos entre os veciños e fomentan a creación dunha identidade común”.

Durante a xornada entregáronse a todos os asistentes flores e plantas medicinais cultivadas polos propios veciños que traballan neste espazo público. Ademais deste agasallo, a partires das 17:00 horas houbo unha degustación de produtos dos hortos como berenxena, cabaciña ou pementos, preparados en máis de 20 receitas diferentes.

Outra das novidades desta tempada é que as casetas refuxio que se atopan no paseo do río Rato comezarán a funcionar agora como “centros socioculturais”, nos que os lucenses poderán compartir tempo e reforzar as relacións veciñais. Nestes refuxios de madeira haberá, ademais, libros especializados en cultivos e sementes.