Deputación de Lugo

Lugo deixa de situarse entre as 12 provincias de España sen un centro de formación para maiores de 16 anos con autismo

- O Presidente da Deputación asinou con Raiolas a cesión da gardería do campus para convertela no 1º centro de día para adultos con TEA que existe no interior de Galicia - A institución pon fin a esta discriminación con Lugo e salda outra débeda histórica do anterior Goberno Provincial, dando unha utilidade social a este inmoble - O obxectivo é poñer en marcha estas instalacións no 2015 para o que é imprescindible a implicación da Xunta de Galicia, como administración responsable da concertación de prazas

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Presidenta de Raiolas, Inés Flores Lozano, asinaron este luns o convenio de colaboración mediante o cal a institución cede a este colectivo a gardería do campus por un prazo de 20 anos para convertela no 1º centro de día para maiores de 16 anos con TEA (transtorno de espectro autista) que existe no interior de Galicia. Gómez Besteiro destacou que “é un momento histórico, posto poñemos fin a outra discriminación co interior galego e conseguimos que Lugo deixe de situarse entre as 12 provincias de España sen un centro no que persoas con TEA reciban formación ocupacional para a súa insercción laboral e continúen traballando no seu desenvolvemento social tras rematar a súa etapa escolar”. Flores Lozano subliñou que “hoxe é un día importante para os pais e nais de Raiolas, os seus fillos e profesionais. Acadamos unha meta que sería imposible sen o apoio da Deputación e, en especial, do seu Presidente”.

A día de hoxe, en Galicia, existen centros destas características na Coruña e en Pontevedra, pero non en Lugo nin en Ourense. Esta situación obriga ós afectados nas provincias do interior da Comunidade a vivir separados das súas familias ou a nin tan sequera recibir unha atención axeitada. Dende Raiolas sinalan que varios dos seus asociados desprázanse ás Pontes ou a Ferrol en busca deste servizo.

Saldada outra débeda histórica
Gómez Besteiro apoiou dende o primeiro momento este proxecto, que pon fin a outra discriminación coa provincia de Lugo, ó dotala dun centro destas características. Coa cesión gratuíta da gardería do campus, a Deputación salda, ademais, outra débeda histórica na provincia que deixou o anterior Goberno Provincial, ó igual que fixo co canon hidroeléctrico, TOR, a UNED ou os parques de bombeiros. O Partido Popular construíu este inmoble no 2001, ó que nunca lle deu uso, posto que nin tan sequera o dotou de accesos. “Solucionada a grave situación urbanística na se atopaba a gardería do campus coa aprobación do PXOM, este Goberno Provincial dá unha utilidade social e este inmoble”, indicou Besteiro.

Colaboración de administracións
O centro que impulsan Deputación e Raiolas en Lugo ofrecerá entre 15 e 20 prazas. O obxectivo é poñelo en marcha no 2015, aínda que isto dependerá da colaboración de administracións e organizacións para o financiamento de obras, equipamento e concertación de prazas, cuestión última para o que é imprescindible a implicación da Xunta de Galicia. Ó igual que o organismo provincial, a USC xa tendeu a man a Raiolas, posto que teñen previsto asinar convenios para que os estudantes, por exemplo os de Psicoloxía, realicen actividades de voluntariado, ou para que as persoas con TEA realicen prácticas sobre actividades agropecuarias e medioambientais nos terreos do Campus de Lugo. 

Cómpre destacar a excelente localización que terá o 1º centro de formación para persoas con TEA de Lugo, posto que estará a carón do Campus e próximo a instalacións deportivas, como a piscina municipal, ou a lugares de ocio para mozos; feito que permitirá ós seus usuarios traballar as habilidades sociais.