Deputación de Lugo

Unhas 1.500 persoas descubriron a arte da panadería romana na mostra que acolleu o CENTRAD

A exposición Panem Romanorum reuniu, por 1ª vez en Galicia, medio cento de pezas relacionadas coa arte da elaboración do pan romano

Unhas 1.500 persoas descubriron a arte da panadería romana en “Panem romanorum. Artesanía do Pan na Antiga Roma”. Trátase da exposición de acceso gratuíto que ata onte acolleu o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. Contou con medio cento de pezas relacionadas coa arte da elaboración do pan romano, nunca antes expostas en Galicia.   

Preto de 1.000 persoas, interesadas na cultura romana, se achegaron ao CENTRAD para ver a exposición, ó igual que membros do colectivo de Amas de casa de A Guarda e da Asociación de Xordos de Lugo, ademais de 500 rapaces de distintos centros escolares da provincia luguesa e ata da Coruña.  

Concretamente, realizáronse 15 excursións, nas que participaron nenos de entre 10 e 16 anos dos colexios de Fingoi, Rosalía de Castro, As Gándaras, A Pontenova, Castroverde, Ánxel Fole, Xoán Montés, Pinguela (Monforte), Rafael Dieste (A Coruña); así como alumnos do Grado de Educación Infantil da Facultade de Formación do Profesora de Lugo.  

Medio cento de pezas en 5 escenas
O pavillón 4 do Centro de Artesanía e Deseño acolleu estra mostra durante os meses de outubro e novembro. Reuniu medio cento de pezas moi variadas en cinco escenas, claramente diferenciadas:

  • A panadería romana: neste espazo mostráronse diversos utensilios importantes para os panadeiros romanos, coñecidos como pistoris. Cribas con fondos de coiro e de madeira, balanzas romanas, distintas ánforas e recipientes cerámicos, unidades de medida da época e a súa evolución ata os nosos días, así como un fornus para a cocción industrial do pan son os elementos que engloba esta primeira escena.
  • A evolución dos muíños: Cómo converter o gran en fariña? Este segundo espazo respondía á evolución dos instrumentos usados para a moenda. O muíño neolítico, o barquiforme, o tipo mortero, o de Olintya, o rotatorio e o pompeiano representan importantes cambios na tecnoloxía da produción da fariña, polo que están presentes nesta exposición.
  • O panis militaris. Fornos portátiles. O relevante desta escena foi o clibanus ou thermospodium, fogóns portátiles destinados á cocción do pan en campaña dos soldados romanos.
  • A agricultura. Amosouse a evolución do arado, a aparición da primeira colleitadora automática e unha colección de ferramantas de época. Mención especial merecen as leis para regular a propiedade, os dereitos da terra, os sistemas de rego, a aparición dos abonos e o intento de eliminar os minifundios.
  • A muller e a evolución da produción da fariña. Esta última escena suxeriu a realidade social da muller romana relacionado coa tecnificación dos procesos produtivos da fariña.