Deputación de Lugo

Deputación e Concello de Becerreá achegan os produtos do mar lugués á Montaña coa VII Festa do Mexillón

- Álvaro Santos e Manuel Martínez presentaron a 7ª edición desta cita, que acollerá o multiusos Feira Nova o domingo 7 de decembro, a partir das 19:00 horas
- O organismo provincial colabora co Concello na promoción do mexillón, o 1º produto do mar en obter o distintivo de calidade Denominación de Orixe Protexida, no 2007
- O Concello repartirá 1.500 quilos deste molusco entre os locais hostaleiros da contorna e a tradicional degustación popular, nunha xornada na que tamén haberá actuacións musicais e xogos infantís

O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos, e o Deputado de Xestión Territorial e Alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, presentaron este venres a VII Festa do Mexillón, que acollerá a Nave multiusos Feira Nova da localidade, o domingo 7 de decembro, a partir das 19:00 horas. O organismo provincial colabora un ano máis na celebración desta cita, unha das máis de 50 actividades que se celebran nuns 40 Concellos lugueses que contan co financiamento da Deputación a través do Plan Estratéxico de Subvencións. Este Plan, dotado con 3,6 millóns de euros, está dirixido a potenciar os principais sectores produtivos da provincia: agricultura, gandeiría, pesca, comercio, turismo ou artesanía.

Santos destacou que a institución luguesa contribúe á celebración desta cita posto que “se enmarca dentro da nosa aposta polo impulso e posta en valor dos produtos autóctonos lugueses como atractivo da provincia, capaces de xerar riqueza e emprego. Nas pasadas convocatorias reuníronse nesta vila dos Ancares lucenses centos de visitantes, oportunidade que non podemos deixar escapar posto que supón potenciar un sector punteiro como é o do mexillón, que xera un valor global que supera aos 100 millóns de euros e que en Galicia da emprego, directo e indirecto, a unhas 15.500 persoas”.

Pola súa banda, Martínez agradeceu a “colaboración continua, necesaria e imprescindible da Deputación, que non esquece que Lugo ten mar e montaña”, ao tempo que convidou a todos a “degustar un produto de gran prestixio, como é o mexillón, nun territorio que forma parte das Reservas da Biosfera”. O Deputado e Alcalde subliñou que “tanto o Concello como a Deputación, gobernadas por socialistas, buscan promover o mexillón, un produto de gran interese tanto gastronómico como económico”. Martínez destacou que, “ao PP na Deputación moléstalle que un Concello da Montaña impulse o consumo de mexillón, tal e como o fixo ver no Pleno do 29 de abril do 2014, mentres no Parlamento eloxia este froito do mar e pide esforzos para a súa posta en valor tan só seis meses despois, o 29 de outubro”.

1.500 quilos de molusco
As actividades darán comezo o día 5, no que todos os bares e restaurantes participantes da contorna ofrecerán aos seus clientes diferentes preparacións co mexillón como ingrediente principal. O Concello distribuirá en total 1.500 quilos deste molusco bivalvo; uns 750 aos locales hostaleiros e outros 750 á tradicional degustación do mexillón, que terá lugar o día 7 a partir das 19:00 horas. O único requisito é facerse cun dos pratos conmemorativos que se porán a venda ao prezo de 5 euros. A programación completarase con xogos infantís e actuacións musicais.