Deputación de Lugo

Deputación e USC impulsan a Universidade de Verán 2015 no Campus de Lugo con achegas de ata 2.000 euros por actividade

- O prazo desta convocatoria de axudas, que busca dar visibilidade e achegar á sociedade o labor desenvolvido no campus lugués, rematará o vindeiro 18 de decembro - Lara Méndez, Javier Bueno e Carme Silva presentaron hoxe unha nova liña de financiamento que constata a vocación pública e de participación social da Universidade de Santiago - Os membros da comunidade universitaria da USC interesados en participar nesta convocatoria de axudas poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 18 de decembro en vr.lugo@usc.es.

A Deputación e a Universidade de Santiago de Compostela impulsan a programación de actividades da Universidade de Verán 2015 do Campus de Lugo cunha nova liña específica de financiamento que contempla axudas de ata un máximo de 2.000 euros por actividade, segundo adiantaron este mércores a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e os Vicerreitores de Coordinación e de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Javier Bueno e Carme Silva, respectivamente.

A Vicepresidenta Segunda destacou que “esta acción de impulso da Universidade de Verán da USC é a terceira das 13 incluídas no Plan de Choque para o Campus de Lugo, ao que a Deputación destina 500.000 euros e que xa permitiu reverter a progresiva caída da matrícula rexistrada nos últimos anos, aumentando o número de novas matrículas nas titulacións impartidas neste Campus”.

Respecto da convocatoria de axudas para impulsar actividades formativas estivais en Lugo, Méndez indicou que “o seu obxectivo pasa impulsar a cidade de Lugo e, por extensión, a provincia, como enclaves universitarios ao longo de todo o ano”. Lara Méndez quixo insistir no “apoio incondicional da Deputación á educación pública de calidade, así como á investigación, ao desenvolvemento e á innovación”.

A posta en marcha desta nova liña de axudas pretende servir de estímulo para potenciar a visibilidade da actividade docente e de investigación que se está a desenvolver nos distintos centros da sede universitaria luguesa, segundo indicou Javier Bueno. O vicerreitor de Coordinación entende ademais que esta nova liña de axudas para a organización de programas formativos estivais “reforza a vocación pública e de participación social da USC e, nomeadamente, do Campus de Lugo como elemento substancial de vertebración da poboación e do territorio a través da ciencia e da transmisión de coñecemento”.

Criterios e contía
A contía máxima das achegas por cada actividade formativa proposta é de 2.000 euros, e os requisitos fixados para a obtención das axudas desta liña de financiamento establecen que as distintas actividades incluídas na Universidade de Verán 2015 da USC beneficiarias destas achegas terán que celebrarse nalgunha sede da provincia de Lugo. Asemade, a dirección e/ou a secretaría do referido programa formativo debe corresponder a docentes, investigadores e/ou persoal de administración e servizos da USC adscritos ao campus lugués.

A duración dos programas formativos propostos; a súa contribución para dar visibilidade e promover aspectos da docencia e da investigación do Campus de Lugo; a organización de actividades abertas ao público en xeral; a relevancia e o prestixio dos relatores, e a implicación ou colaboración dalgunha entidade institucional ou social radicada na provincia de Lugo serán outros dos criterios tidos en conta á hora de establecer a contía das axudas, explicou a vicerreitora Carme Silva.

Prazo e lugar de presentación de solicitudes
Os membros da comunidade universitaria da Universidade de Santiago de Compostela interesados en participar nesta convocatoria de axudas poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 18 de decembro no enderezo de correo electrónico vr.lugo@usc.es.

Deberán remitir, xunto coa súa solicitude, unha ficha informativa na que se indique título e obxectivos do curso, duración, público a quen vai dirixido, ademais dunha breve descrición de contidos e unha memoria económica provisoria.

Unha comisión, integrada polos tres Vicerreitores do Campus de Lugo e os técnicos da Área de Cultura da sede universitaria luguesa, decidirá as accións formativas susceptibles de recibir financiamento e a contía das achegas concedidas. A citada comisión fará pública a súa decisión non máis tarde do 15 de xaneiro de 2015.