Deputación de Lugo

Martínez: “Lugo é a provincia galega que máis sofre a privatización da sanidade pública do Goberno de Feijóo”

Imaxe deputación de lugo
- “O PP preferiu gastar 4 millóns de euros públicos en centros privados e non na dotación de servizos no Hula, como Hemodinámica 24 horas, Radioterapia ou Medicina Nuclear” - “O Executivo galego incrementou nun 90% o gasto en concertación na provincia, derivando aos lucenses a centros privados para probas ou intervencións, mentres nos hospitais públicos levou a cabo o maior peche de camas na historia do Sergas” - “Menos sanidade pública e máis desigualdade. Co repago farmacéutico, Feijóo obrigou aos pensionistas lucenses a pagar, nun só ano, 122 millóns de euros polas súas menciñas”

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, valorou este mércores o último informe de fiscalización da conta xeral do Sergas, emitido polo Consello de Contas e referido ao exercicio de 2012, do que se desprende que o Hula foi o hospital galego que máis gastou na derivación a centros concertados, con 4 millóns de euros. “É dicir, os datos oficiais demostran que Lugo é a provincia galega que máis sofre as consecuencias da privatización da sanidade pública que está a levar a cabo o Goberno de Feijóo”, remarcou Martínez.

“O Partido Popular preferiu gastar 4 millóns de euros en centros privados en vez de investir estes fondos públicos, que eran para a sanidade pública da nosa provincia, na dotación de servizos no Hula. Todo isto, mentres 1.200 lucenses se ven obrigados a facer a Ruta do Cancro para recibir tratamentos oncolóxicos na Coruña porque Feijóo se nega a dotar a Lugo de dotacións imprescindibles, como Hemodinámica 24 horas, Radioterapia ou Medicina Nuclear”, subliñou o voceiro.

“Nun só ano, o Goberno de Feijóo foi capaz de incrementar nun 90% o gasto en concertación na provincia, obrigando aos lucenses a acudir a centros privados para realizar intervencións ou probas médicas. É dicir, o PP gasta fondos públicos na sanidade privada mentres nos hospitais públicos leva a cabo o maior peche de camas na historia do Sergas. No verán, foron máis de 150 as camas pechadas nos hospitais de Lugo”, destacou.

“Menos sanidade pública e máis desigualdade, isto é o que están a provocar as medidas do Executivo galego. Outro exemplo, o repago farmacéutico, que obriga aos 120.000 pensionistas lucenses a pagar, por primeira vez na historia, as súas menciñas. Isto supuxo que os retirados lucenses, que reciben a pensión media máis baixa de España, acumulen o 82% do gasto en receitas, posto que tiveron que gastar 122 millóns de euros no 2012, segundo a conta xeral do Sergas”.