Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo lanza os 17 primeiros proxectos grazas aos Orzamentos Participativos

- Gómez Besteiro, acompañado do presidente, o vicepresidente e o voceiro da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, e de medio cento de cidadáns, anunciou que o organismo provincial cumprirá co 90% das máis de 150 peticións concretas que fixeron os lucenses - Dedica 6 millóns para unha segunda edición do plan BEN EMPREGADO!, fará estudos das alternativas a SOGAMA e das vantaxes da biomasa forestal, un plan de repoboación con especies autóctonas e reforzará a promoción dos produtos da provincia - Convocará en xaneiro axudas para a pesca de baixura, horticultura e sector vinícola e   poñerá en marcha un banco de casas rurais deshabitadas, ademais de ofrecer becas aos alumnos do Campus cos mellores expedientes - “Hoxe é un gran día porque cristaliza unha vella aspiración pola que os veciños levabamos esperando 30 anos. Aqueles que dixeron que isto era fume e propaganda deben rectificar”, subliñou Jesús Vázquez

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, o vicepresidente e o voceiro do colectivo, José Manuel Carballo e Fernando Rois, respectivamente, así como de medio cento de veciños e dos deputados de Economía, Pilar García Porto, e Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos, presentou este mércores os primeiros 17 proxectos concretos que lanzará o organismo provincial froito das propostas que fixeron os veciños para os Orzamentos Participativos do 2015, os primeiros dunha Deputación en España.

Gómez Besteiro deu as grazas aos 55.000 lucenses que deron a súa opinión neste proceso e avanzou que todos e cada un deles recibirán nestes días a resposta a súa proposta de maneira personalizada e argumentada. O Presidente adiantou que o vindeiro ano a Deputación fará tamén orzamentos participativos.
Unha vez “estudadas todas as propostas e cando os técnicos avaliaron a súa viabilidade”, o Presidente avanzou que a Deputación “cumprirá co 90% das máis de 150 peticións concretas que nos fixeron os veciños”.

En emprego
No 2015 a Deputación dedica 6 millóns de euros para unha segunda edición do plan que vén de poñer en marcha. Será o BEN EMPREGADO! II.

En medio ambiente
No 2015 aumentan os investimentos un 43%, ata superar os 1,5 millóns de euros. A Deputación fará un estudo das alternativas a SOGAMA máis ecolóxicas e económicas; un estudo das vantaxes da biomasa forestal da provincia, unha alternativa económica que xera moitas expectativas entre os veciños; e un plan de repoboación con especies autóctonas.  Continuará co cinto verde do Rato e impulsará novas áreas de lecer e rutas, como unha Ruta dos Muíños en Foz.

Coa Universidade
A Deputación asinará un convenio coa USC para ofrecer becas aos alumnos cos mellores expedientes do Campus lucense, tanto na Deputación, como noutros colectivos sen ánimo de lucro, e aproveitar así o seu talento. O investimento será duns 200.000 euros. O organismo duplica ademais os fondos para proxectos de investigación, ata superar os 300.000 euros.

No medio rural
Ademais de volver a convocar axudas para a recuperación de terras abandonadas, a Deputación sacará en xaneiro unha liña específica de subvencións para impulsar a pesca de baixura, a horticultura e a produción de viño. Reforzará a promoción dos produtos autóctonos para abrirlles novos mercados a nivel nacional e internacional, e organizará cursos de prevención de riscos laborais, sobre todo no rural.

En demografía
Estudará a creación con recursos propios dun banco de casas rurais deshabitadas para favorecer o asentamento de xente nova no campo.

En infraestruturas
Mellorará a estrada provincial A Fonsagrada-Navia; sinalizará a de Triacastela-Sarria; e arranxará o desnivel existente na LU-P-2704 ó seu paso por Láncara. Acometerá un embalsado e canalización de augas en Diomondi (O Saviñao); e avanzará nas expropiacións do acceso ao polígono de Cuíña, en Cervo.
No Plan de Infraestruturas Veciñais, dotado con 2,2 millóns de euros e que tamén sairá en xaneiro, incluirá subvencións para centros sociais e traídas de auga, actuacións moi solicitadas polos veciños.

Estas 17 actuacións súmanse ás 5 xa avanzadas nas estradas Momán-As Pontes e Friol-Parga ou na Fonsagrada coa construción dun campo de herba artificial. A Deputación xa acometeu melloras tamén na estrada de acceso ó Pazo de Tor e nun tramo da de Figueiras a Viloalle, en Mondoñedo.  

Peticións á Xunta: Servizos para o HULA
En canto ás demandas veciñais que son competencia doutras administracións, suman máis de 50 e están dirixidas fundamentalmente á Xunta e ó Goberno central, segundo informou o Presidente. “Tal e como nos comprometemos, farémosllas chegar nestes días, pois, aínda que non teñen orzamentos participativos como a Deputación de Lugo, queremos que coñezan e teñan en conta as necesidades e demandas dos lucenses”, sinalou.

A principal petición dos veciños á Xunta é a dotación de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica no Hospital de Lugo, un servizos que o presidente comprometeu hai xa case catro anos e aínda seguen pendentes.

Os lucenses tamén demandan ao Goberno galego novas residencias para a terceira idade en Mondoñedo, Becerreá e en Lugo, comarca na que non se creou nin unha praza pública dende o ano 1977. Tamén lles preocupa moito a Lei de Montes; necesitan asesoramento e cren que non se adapta á realidade de Galicia. Piden a recuperación do vello Xeral, a promoción e mellora do Camiño de Santiago, o impulso da VAC Costa Norte e Sarria-Monforte, a Rolda Leste ou o Plan Paradai, máis medios para a prevención de incendios, mellora da internet no rural ou o impulso dunha planta de biomasa.      


Outra das demandas máis repetidas, ata nunha vintena de ocasións, é a mellora e dotación de saneamentos. Aínda que se trata dunha competencia da Xunta e dos Concellos, a Deputación está disposta a colaborar economicamente con ambas administracións para dotar ao rural deste servizo básico.
A Deputación tamén tende a man á Xunta e aos Concellos para poñer en marcha unha entidade moi demandada: un ente provincial de turismo, no que estean presentes todas as administracións.   

Peticións ao Goberno central: infraestruturas
Reclaman sobre todo a axilización de infraestruturas como a autovía Lugo-Ourense, a estación intermodal, o impulso  das liñas de tren, ou a mellora da sinalización dos concellos na autovía do Cantábrico.

A Deputación fai realidade unha vella aspiración veciñal
Pola súa banda, o presidente da federación veciñal, Jesús Vázquez, asegurou que hoxe “é un gran día porque cristaliza unha vella aspiración do movemento veciñal pola que levabamos esperando 30 anos”. “Houbo tímidos intentos noutras administracións, pero nunca un orzamento participativo pleno como fixo a Deputación de Lugo”, sinalou Vázquez, quen felicitou a Gómez Besteiro polos orzamentos participativos, “unha iniciativa persoal do Presidente”.

Jesús Vázquez engadiu que, á vista dos froitos dos orzamentos participativos, “aqueles que dixeron que se vendía fume e que eran propaganda, deben rectificar, igual que os que din que a sociedade de Lugo non participa e que cando se lle dá a oportunidade de participar non o fai. Demostramos que non é así”. “Non queremos ser cidadáns que votan cada 4 anos, senón uns axentes activos que aportan e participan. O futuro pasa pola  participación, e aquel político que non o vexa así, pagarao nas eleccións”, asegurou.
O presidente da federación veciñal instou neste senso a comezar antes coa elaboración dos orzamentos “para que as reunións non coincidan en pleno verán”.