Deputación de Lugo

A Capela de Santa María acolleu a presentación de Remontando o río: un poemario despregable de 8 metros da luguesa Helena Villar

Imaxe deputación de lugo
- Regina Polín presentou o poemario da luguesa Helena Villar, unha obra que recolle uns 40 poemas froito dunha viaxe en barco da autora polo Danubio, de aí a figura do río como metáfora da vida
- A Deputación impulsa coa presentación deste libro, confeccionado de xeito artesán, o labor dos artistas da provincia e apertura a todo tipo de actos culturais da Capela de Santa María, referente no circuíto artístico de Lugo e de Galicia

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada da ilustradora Luz Darriba e a escritora Marica Campo, presentou esta tarde, na Capela de Santa María, o libro Remontar o río, que recolle preto dunha corentena de poesías da luguesa Helena Villar nunha edición moi especial: un despregable de 8 metros de lonxitude ilustrado en negro pola artista Luz Darriba. A obra naceu como froito dunha viaxe en barco da autora, a contracorrente, polo río Danubio dende Budapest a Linz e que se converte, na súa “biografía máis fonda”, en palabras de Villar.

No acto de  presentación, a Deputada sinalou a longa traxectoria e o traballo de Villar “en prol da cultura luguesa e galega”, ao tempo que destacou a aposta da Deputación e do Centro de Artesanía e Deseño polo traballo dos artistas lucenses. Polín tamén insistiu na importancia da Capela de Santa María, “espazo referente no circuíto artístico-literario da provincia e da comunidade, por acoller exposicións de natureza ben diferente”.

O río como metáfora da vida
O libro que a propia autora considera como o seu “testamento poético” está confecionado de xeito artesán, e cunha tirada de 500 exemplares completamente feitos a man. A través dos poemas, e empregando o río como unha metáfora da vida, a autora revisa o seu período de infancia e, sobre todo de moza, lembrando datas tan sinaladas como o San Xoán. As ilustracións son obra da artista Luz Darriba, nos que a autora recorda a súa adolescencia, que quedou marcada por unha rosa e un vals, e nos que lembra, entre outros aspectos, as catro estacións, o amor, a dor ou a morte dun ser querido.  Mentres a poesía flúe pola marxe dereita da obra, as ilustracións, realizadas á man con pincel, pluma, tinta china e auga, fano pola esquerda. O acto de presentación pechouse coa actuación musical de Chiruca e Gerardo Castedo.