Deputación de Lugo

A Deputación aforra máis de 435.000 euros a outros 22 Concellos co seu Plan Enerxético  

- A Xunta de Goberno aprobou a compra e instalación de 1.365 compoñentes enerxéticos nos alumeados públicos e nun colexio destes municipios, que reducirán en 42.200 euros as súas facturas anuais pola luz
- Novo aforro de 100.000 euros en gastos correntes coa contratación conxunta de combustible para as máquinas do Parque Móbil que arranxan vías provincias e municipais
- A institución completa o equipamento do auditorio de Chantada, aprobando a adquisición e instalación dunha cortina que supera os 20 metros de ancho e con carril motorizado

A Deputación aforra máis de 435.000 euros a outros 22 Concellos da provincia co seu Plan Enerxético. “Facémolo ao asumir todos os custes das actuacións que conleva esta programación, a diferencia do plan da Xunta de Galicia, que obriga aos municipios a pagar o 30% dos gastos”, explicou o voceiro provincial socialista.

Manuel Martínez detallou a distribución deste aforro:

  • 220.000 euros das auditorías enerxéticas gratuítas, que levaron a cabo os técnicos da Axencia Provincial da Enerxía da Deputación, evitando contratacións externas ao facelo con medios propios.
  • 173.200 euros ó asumir con fondos europeos a compra e instalación de 1.365 novos compoñentes enerxéticos. Precisamente, hoxe a Xunta de Goberno aprobou estes contratos.
  • E 42.200 euros, que é a cantidade na que estes 22 Concellos verán reducida a súas facturas anuais pola luz debido á instalación deste material.

Os 22 Concellos beneficiados son: A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Castroverde, Cervantes, Becerreá, Palas de Rei, Pedrafita do Cebreiro, Guntín, Guitiriz, Friol, Abadín, A Pastoriza, Trabada, Xove, O Vicedo, Ribadeo, A Pontenova, Riotorto, O Valadouro, Viveiro, Meira e Pol.

Agás Guitiriz, que decidiu levar este equipamento para o aforro de gastos enerxéticos ao Colexio CEIP Lagostelle, os restantes municipios quixeron situalo nos alumeados públicos.  

Son un total de 37 os Concellos da provincia que decidiron sumarse de xeito voluntario ao Plan Enerxético da Deputación, aos que a institución tamén lles está a aforrar custes pola luz coas actuacións desta programación.   

Novo aforro en gastos correntes
A Xunta de Goberno aprobou a adquisición de combustible para as máquinas do Parque Móbil que arranxan estradas provincias e municipais. A Deputación contratou, nun mesmo prego, 250.000 litros de gasóleo e 32.000 litros de gasolina, acadando unha rebaixa de entre o 5% e o 4% no prezo do litro. “Isto suporá unha redución media de 3 céntimo por litro de gasóleo e de 1,8 céntimos por litro de gasolina, o que supón un aforro duns 100.000 euros, tendo en conta os prezos actuais”, destacou Martínez.

Auditorio de Chantada
A institución completa o equipamento do auditorio municipal de Chantada, aprobando na sesión de hoxe a adquisición e instalación dunha cortina de máis de 20 metros de ancho por 5 de alto, e con carril motorizado, por valor de 13.700 euros. A parte dianteira do auditorio está composta por unha cristaleira, polo que é necesario contar con este material para, por exemplo, as proxeccións que se realicen no auditorio.