Deputación de Lugo

A Deputación impulsa os produtos autóctonos colaborando un ano máis coa Festa da Castaña do Courel

- A institución provincial fai unha achega de 4.000 euros para financiar esta cita, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, que pon en valor a riqueza cultural e gastronómica da provincia 
- Pilar García Porto destacou que con esta axuda” mellorarmos a comercialización dos produtos autóctonos de calidade como unha oportunidade de futuro para revitalizar a economía do Concello e da provincia”
- Nesta nova edición, que se celebrará o vindeiro 9 de novembro no Souto da Carroza, será o xornalista Paco Rivera o encargado de ler o pregón e inaugurar oficialmente a data

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, acompañada polo Deputado de Cultura, Mario Outeiro, e da Concelleira de Cultura do Concello de Folgoso do Courel, Carmen Vergara, presentou este luns no Salón de Actos da Deputación a XXVII Festa da Castaña do Courel, que se celebrará o vindeiro domingo, 9 de novembro no Souto da Carroza en Folgoso, e coa que colabora a institución provincial con 4.000 euros. García Porto destacou que coa axuda a esta cita, que conta co distintivo de Interese Turístico de Galicia,  axudase a “difundir e mellorar a comercialización dos produtos autóctonos de calidade como o da castaña para crear novas oportunidades de futuro para revitalizar a economía do Concello e da provincia”. Do mesmo xeito a Deputada lembrou que o organismo provincial leva impulsado o sector da castaña a través de proxectos como o de Recuperación de Soutos, co que se repoboaron xa centos de castiñeiros na provincia.

Na mesma liña, a Deputada informou que a institución provincial conta no 2014 con 3,6 millóns de euros para apoiar máis de medio centenar de eventos a través do Plan Estratéxico de Subvencións, que serven para potenciar os principais sectores produtivos, axudando á promocionar e mellorar a comercialización dos produtos autóctonos de calidade e dinamizando o seu consumo. Pola súa banda, Outeiro destacou que “este tipo de xornadas, que poñen en valor a tradición e a cultura, serven para potenciar sectores tan importantes para a provincia como o da castaña”. Carmen Vergara agradeceu a colaboración da institución provincial e afirmou que a cita non só promociona os nosos produtos senón tamén ao Concello e á Comarca.

A xornada arrancará ás 13:00 horas, cando o xornalista Paco Rivera, lea o pregón de apertura da festa, acompañado polo grupo de música tradicional Gaitas e Cantores do Courel. Durante o mediodía e a tarde, haberá degustacións gratuíta de castañas asadas e viño da zona, amenizadas pola Charanga TNT. Pola tarde haberá tamén actividades para os máis pequenos, da man do grupo de animación infantil Imaxinatia, que farán un obradoiro de maquillaxe de cara e outro de globos.