Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación fixo a ruta do cancro con veciños da provincia

Gómez Besteiro recorreu os máis de 400 quilómetros que se ven na obriga de facer os lucenses que reciben Radioterapia na Coruña, posto que a Xunta segue sen dotar a Lugo deste servizo, sendo a única provincia galega que non o ten

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, fixo este venres a ruta do cancro con veciños da provincia que se ven na obriga de viaxar á Coruña para recibir o tratamento de Radioterapia, posto que a Xunta de Galicia segue sen dotar a Lugo deste servizo. Gómez Besteiro estivo acompañado por membros da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo e doutras autoridades, como os Alcaldes das Fonsagrada e Lugo, Argelio Fernández e José López Orozco, respectivamente, así como de Deputados provinciais. 

Ás 10:30 horas, o titular provincial, xunto con Pilar García Porto, Regina Polín e Alfredo Llano, saíu do Pazo de San Marcos cara Vilagudel, núcleo da Fonsagrada, onde, ás 12:30 horas, un vehículo medicalizado recolleu a un veciño deste municipio da Montaña luguesa que recibe Radioterapia na Coruña. Xuntos partiron cara o Hospital Lucus Augusti, onde se atoparon con outro veciño na mesma situación, pero neste caso da cidade de Lugo.

Xa ás 15:30 horas, saíron dende o Hula cara o Hospital Oncolóxico de Galicia (Labaca) na Coruña, onde os lucenses reciben Radioterapia, posto que Lugo é a única provincia galega que non conta con este servizo sanitario.

Tras máis de 2 horas de tratamento, ás 18:30 horas chegou o momento de voltar a Lugo, primeiro ao Hula e logo a Vilagudel, na Fonsagrada, a onde chegaron ás 22:00 da noite.  

Foron máis de 8 horas e 400 quilómetros.