Deputación de Lugo

Presentado o Pacto polo Emprego II na Terra Chá

Imaxe deputación de lugo
- A Deputación celebrou hoxe un encontro no Concello de Vilalba para dar a coñecer o programa de inserción laboral da Deputación
- O plan de emprego ofrecerá 27 accións formativas gratuítas para 405 participantes da zona centro, nos que os interesados xa poden inscribirse
- Para iso, só teñen que achegarse ata a súa Oficina de Emprego e comunicar que desexan participar nos cursos da Deputación. Máis información en www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 260 088

A Deputación vén de celebrar hoxe un novo encontro informativo para dar a coñecer o Pacto Provincial polo Emprego II, neste caso na Terra Chá. A Casa da Cultura da localidade acolleu o acto de presentación do programa de inserción laboral da Deputación, que conta cun orzamento total de 4,1 millóns de euros, cofinanciados nun 80% polo Fondoo Social Europeo.

O Pacto contribuirá á inserción no mercado laboral de 1.005 lucenses desempregados, dos que máis de 400 serán da zona centro da provincia, mediante formación e prácticas remuneradas nas profesións con máis demanda no mercado do traballo da provincia. Dos 67 cursos programados, os que se celebrarán nesta zona serán os seguintes:

  • 7 cursos de Atención Sociosanitaria a persoas no domicilio
  • 8 de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
  • 1 de Técnico de Transporte Sanitario
  • 2 de Operacións básicas de Cociña
  • 2 de Operacións básicas de restaurante e bar
  • 3 de Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais
  • 4 de Asesoramento na función xerencial e o autoemprego

Estes 27 cursos ofrecerán a todos os beneficiarios o acceso a formación teórica e práctica remuneradas en recoñecidas empresas e asociacións da provincia, para cuxa selección tamén se incluíron cláusulas sociais. Estas empresas ofrecerán tamén titorías individuais sobre habilidades sociais como, por exemplo, o mellor xeito de presentarse a unha entrevista de traballo, redactar un bo currículum, poñer en marcha unha empresa, etc.

A Deputación puxo en marcha o Pacto Provincial polo Emprego coa intención de que o feito de non contar con estudos ou ingresos deixara a ninguén fóra do plan. De aí que aos participantes non se lles esixa ningunha titulación, e durante o proceso de formación todos eles reciban unha prestación económica equivalente ao 75% do IPREM, isto é, uns 400 euros mensuais, cantidade máxima que a normativa que regula o Fondo Social Europeo permite. Esta axuda mensual é compatible coa percepción da prestación por desemprego ou de calquera outra axuda pública da mesma finalidade, sempre e cando o total mensual non supere precisamente o 75% do IPREM.

A quen está dirixido
Os beneficiarios poden ser desempregados de todos os Concellos da provincia -agás o de Lugo, posto que este xa conta co seu propio plan equivalente-, e para participar só teñen que estar inscritos como demandantes de emprego nas oficinas do Servizo Público de Emprego -antes denominadas Servizo Galego de Colocación-.

Malia que este programa está dirixido calquera persoa desempregada, teranse en especial consideración, tal e como indican as bases, determinados colectivos con máis dificultades:

  • menores de 30 anos e maiores de 45
  • desempregados de longa duración
  • persoas con diversidades funcionais
  • vítimas de maltrato
  • persoas en proceso de rehabilitación ou reinserción social
  • as pertencentes a minorías étnicas
  • os inmigrantes
  • mozos que non superaran a ensinanza obrigatoria
  • coidadores non profesionais que atenden a dependentes
  • outros colectivos en risco de exclusión social.

Como inscribirse
Os interesados en tomar parte só teñen que dirixirse á súa oficina de emprego habitual e simplemente manifestar que están interesados en participar nos cursos da Deputación. Máis información en www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 260 088.