Deputación de Lugo

A Deputación ofrece asesoramento gratis aos Concellos e empresas para poñer en marcha a factura electrónica

Imaxe deputación de lugo
- Organizou dúas xornadas formativas para o xoves no Salón de Actos: unha de 10:00 a 12:00 horas para as entidades locais, e outra de 17:00 a 19:00, dirixida ao tecido empresarial
- Tamén ofrece información e axuda de maneira individualizada tanto vía telefónica, no número gratuíto 900.897.994, como presencial, nas propias dependencias provinciais    

Toda factura por un importe superior aos 5.000 euros que sexa presentada nunha administración pública debe tramitarse de xeito telemático, segundo obriga a lexislación. Para axudar aos Concellos da provincia e ás empresas a adaptarse a esta normativa -a Lei 25/2013 de Impulso da Factura Electrónica, que entrou en vigor o 15 de xaneiro- e poñer en marcha o sistema de facturas on line, a Deputación de Lugo ofrece asesoramento gratuíto tanto ás entidades locais, como ao tecido empresarial, a través de dúas vías.

Por unha banda, organizou para este vindeiro xoves dúas xornadas formativas no Salón de Actos: unha para os traballadores dos Concellos e da propia Deputación, que terá lugar de 10:00 a 12:00 horas, e outra para aos empresarios, sobre todo PEMES e autónomos, que se celebrará de 17:00 a 19:00 horas.

Na sesión dirixida aos traballadores públicos darase a coñecer en detalle o procedemento de xestión das facturas electrónicas na plataforma oficial existente para este sistema, denominada FACe, en concreto: a adhesión e alta na plataforma; as necesidades técnicas para a conexión; procedementos de captura das facturas electrónicas; as fases da factura electrónica; ou os prazos legais establecidos para pagar as facturas.

Polo que respecta á xornada pensada para as empresas provedoras da Administración Pública, o obxectivo é informalas sobre como teñen que crear e tramitar as facturas electrónicas, como poden facerlle un seguimento, e os prazos legais nos que debe pagar a administración.

Información individualizada
Ao mesmo tempo, a Deputación ofrece xa información individualizada, tanto vía telefónica, no número gratuíto 900.897.994, como presencial, nas propias dependencias da institución, en ambos casos en horario de 9:30 a 14:30 horas. As persoas interesadas na atención presencial deben chamar ao devantido teléfono para pedir cita previa.   

A área de Cooperación cos Concellos, que dirixe Álvaro Santos, e a de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, que encabeza Alfredo Llano, puxeron en marcha este novo servizo de asesoramento sobre a factura elecrónica, que se leva a cabo a través do programa tecnolóxico Innova-TE, financiado ao 80% por fondos europeos FEDER. A iniciativa enmárcase na aposta da Deputación “pola máxima cooperación cos Concellos en tódolos eidos e por aproveitar as vantaxes das novas tecnoloxías para facer a administración máis áxil e útil aos cidadáns”.

A Deputación de Lugo foi pioneira entre as institucións provinciais galegas en adaptarse á normativa da factura electrónica, e xa leva utilizando este mecanismo dende mediados do ano 2013.