Deputación de Lugo

A Deputación renova a súa aposta polo produto estrela de Abadín impulsando a X Exprogrelo

- A Vicepresidenta Segunda e o Alcalde presentaron hoxe na Praza de Abastos lucense unha nova edición da cita, na que se porán á venda máis de 2 toneladas de grelo, produto con Indicación Xeográfica Protexida (IXP)- O organismo provincial colabora un ano máis na celebración da feira cunha achega de 3.000 euros, “para fomentar a comercialización e o consumo dos produtos autóctonos de calidade” destacou Méndez- Preto de 20 produtores porán a venda, no recinto feiral de Gontán, este tradicional produto da Terra Chá, Comarca na que máis de 200 produtores comercializan 400.000 quilos ao ano e xeran máis de 250 postos de traballo na Comarca

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o Alcalde de Abadín, Xosé María López Rancaño, presentaron este venres na Praza de Abastos luguesa a X Feira Expogrelo que se celebra mañá no recinto feiral de Gontán. O organismo provincial colabora un ano máis co Concello na celebración desta cita cunha achega de 3.000 euros, ao igual que fai con outro medio cento de actividades dirixidas a potenciar os principais sectores produtivos da provincia: agricultura, gandería, pesca, comercio, turismo ou artesanía a través do Plan Estratéxico de Subvencións.

No acto, no que tamén estivo presente a Tenente de Alcalde de Abadín, Begoña Gaute, a Vicepresidenta destacou que “Expogrelo é exemplo dunha cita que, máis aló do seu aspecto lúdico, supón un importante evento de promoción dos nosos produtos autóctonos de calidade, cuxa comercialización é capaz de xerar riqueza e postos de traballo na provincia. É indispensable apoiar a súa celebración”. De feito, na Terra Chá hai máis de 200 produtores que comercializan uns 400.000 quilos de grelo ao ano, xerando máis de 250 postos de traballo na Comarca.

“Nos últimos anos as vendas deste produto, que conta co distintivo de Indicación Xeográfica Protexida –IXP-, aumentaron un 40% grazas a iniciativas como Expogrelo, oportunidade que non podemos deixar escapar para potenciar a calidade dos nosos produtos e á súa comercialización como vía para revitalizar o sector primario”, sentenciou Lara Méndez.

Pola súa banda, os representantes do Concello quixeron agradecer a colaboración prestada pola Deputación ao tempo que convidaban a coñecer Abadín e a probar o seu grelo mañá sábado, 21 de febreiro.

20 produtores e 2.000 quilos
No evento gastronómico desta fin de semana tomarán parte uns 20 produtores, poñendo á venda uns 2.000 quilos de grelo. As actividades darán comezo ás 9:00 horas coa numeración das cestas de grelos, tralo que se abrirá o recinto feiral. Ás 12:30 horas terá lugar unha degustación de grelos de Abadín e, finalmente, ás 14:00 horas, daranse a coñecer os gañadores dos premios ás mellores cestas. As actividades previstas completaranse con degustacións de pratos elaborados polos locales de restauración da localidade, así como diferentes actuacións musicais