Deputación de Lugo

A Deputación destina preto de 500.000 euros para servizos públicos na Pontenova

- Entre as actuacións destacan a mellora do campo de fútbol e das pistas de tenis, o acondicionamento de camiños e pistas ou a instalación de novas redes de saneamento- Gómez Besteiro destacou que “estas actuacións, que responden ás peticións das veciñas e veciños nos orzamentos participativos, benefician de xeito directo a máis de 300 persoas do Concello”- As obras, que contan cun presuposto de 445.324 euros, están encamiñadas a dotar ao rural de novas infraestruturas e servizos co fin de frear a sangría demográfica e fixar poboación

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, e de ducias de veciños, avanzou este martes en dito Concello lucense que o organismo provincial achegará 445.324 euros na Pontenova para novas dotacións municipais. Entre estas actuacións atópanse a mellora das instalacións de espazos deportivos (350.000 euros); o financiamento de novas traídas de augas e a mellora de camiños en diversas parroquias (75.000 euros); así como a compra dunha motoniveladora (20.000 euros).

Gómez Besteiro informou que “estas actuacións, que responden ás peticións das veciñas e veciños nos orzamentos participativos, benefician de xeito directo a máis de 300 persoas do Concello”. O Presidente destacou que “a Deputación aposta por reivindicar a vida no rural como unha das liñas de traballo principais da institución” e valorou que “con elas impulsamos o desenvolvemento económico, demográfico e social da zona”.

Pola súa banda, o Alcalde da Pontenova agradeceu a colaboración da Deputación e destacou que “estas actuacións, unhas das máis necesarias co Concello, axudarán a mellorar a calidade de vida de centos de persoas”.

Instalacións deportivas
As novas dotacións deportivas, que o organismo provincial financia con 320.000 euros, son “unha vella demanda dos veciños”. Gómez Besteiro afirmou que “logo destas actuacións, este campo de fútbol converterase nun dos referente en toda a Mariña oriental, pois contará coas mellores instalacións da zona”.

As obras consisten, por unha banda, no acondicionamento do campo de fútbol, no que se substituirá o céspede, se instalará un novo sistema de rego, melloraranse os vestiarios e farase un novo peche para o recinto. No Concello atópase a sociedade deportiva Sporting Pontenova, que conta con máis de 70 persoas nos seus 3 equipos: veteranos, xuvenís e o equipo principal, que agora se atopa competindo en segunda rexional. Por outra banda, melloraranse tamén os campos de tenis, co cambio do solo e do pintado.

Impulso do medio rural
A Deputación financia a instalación unha nova rede de abastecemento de auga, solicitada pola Asociación de Veciños San Xulián. Esta actuación consiste na instalación de preto de 3.000 metros de tubaxe ao longo do núcleo de Vilaboa e conta cunha achega de 25.000 euros. Por outra banda, respondendo ás peticións dos veciños nos orzamentos participativos, a Deputación achega 50.000 euros para para mellorar o firme de camiños en Conforto e Xudán, a instalación dun saneamento no barrio O Couso ou a construción de varios depósitos de auga. Outra das achegas, de 20.000 euros, servirá para financiar a compra dunha motoniveladora para diversos usos municipais.

1,9 millóns de euros
A institución provincial investiu durante os últimos anos máis de 1,4 millóns de euros, para dotar ao Concello de novos servizos e infraestruturas públicas como: a mellora da estrada A Pontenova-Augaxosa; as obras de ampliación do cemiterio de Xudán; o acondicionamento e mellora en accesos en Goiós e a pavimentación dos accesos ó campo de fútbol da Pontenova e da praza da rúa da Feira.