Deputación de Lugo

Deputación e Concello de Lugo crearán 3 novas prazas wifi con acceso gratuíto a Internet

Imaxe deputación de lugo
- A Xunta de Goberno aprobou o convenio de colaboración por valor de 22.000 euros para dotar de conexión á Rede ás prazas Maior, Anxo Fernández Gómez e Campo Castelo - O organismo provincial renova con 210.000 euros o servizo de Internet en 48 prazas wifi doutros tantos Concellos da provincia, que creou a través do Innova-TE - Aprobado o plan de seguridade e saúde no traballo para poder iniciar as obras de arranxo dos tellados das Pallozas, que se porán en marcha a semana próxima

Logo do éxito da praza wifi de San Marcos, que ten unha media diaria de 150 usuarios, Deputación e Concello de Lugo crearán 3 novas prazas wifi: Trátanse das prazas Maior, Anxo Fernández Gómez e Campo Castelo, que estarán en funcionamento a finais da primavera. A Xunta de Goberno aprobou hoxe o convenio de colaboración por valor de 22.000 euros.  

Instalanse 6 puntos wifi: 2 na fachada do Consistorio lugués e 2 onde está o templete para conectarse á Rede dende calquera punto da Praza Maior; así como outros 2 na parte de atrás do Casa do Concello para facer o mesmo nas prazas Anxo Fernández Gómez e Campo Castelo. A conexión, que se poderá facer dende calquera dispositivo móbil (ordenador portátil, PDA, teléfono…), será libre e gratuíta.

Renovación de 48 prazas wifi
As 4 prazas wifi da capital luguesa engádense ás 48 doutros tantos Concellos da provincia, que tamén creou gratis a Deputación a través do Innova-TE, sumando un total de 52. A Xunta de Goberno aprobou hoxe a renovación deste servizo durante 14 meses. O organismo provincial inviste nesta prestación 210.000 euros, supoñendo custo cero para os Concellos. Os 48 municipios que decidiron sumarse voluntariamente ao Innova-TE e conta con prazas wifi son os seguintes: Abadín, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Burela, Carballedo, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cervo, Chantada, O Corgo, A Fonsagrada, Friol, Guitiriz, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita, A Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, Sober, Taboada, Triacastela e Viveiro.

Obras
A Xunta de Goberno aprobou o plan de seguridade e saúde no traballo das obras de arranxo dos tellados das Pallozas. Trátase do último trámite legal e necesario para poder iniciar estes traballos. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, adiantou que estas actuacións, dotadas de 84.000 euros, se porán en marcha a semana próxima. A sesión acordou as obras de 445.300 euros en dotacións públicas da Pontenova. Trátanse de melloras en espazos deportivos (350.000 euros), en traídas de augas e en accesos rurais (75.000 euros). Tamén se inclúe a adquisición dunha motoniveladora (20.000 euros).