Deputación de Lugo

Infraestruras e seguridade, asuntos pendentes do Goberno Central na provincia que Besteiro traslada a Villanueva

O Presidente da Deputación recibiu ao Delegado do Goberno en Galicia, na que foi a súa primeira visita institucional ao organismo lugués

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, trasladou este venres ao Delegado de Goberno en Galicia, Santiago Villanueva Álvarez, as principais preocupacións dos lucenses polos asuntos pendentes do Goberno Central na provincia: a necesidade de infraestruturas e de reforzar a seguridade no rural. Fíxoo na que foi a primeira visita institucional do novo Delegado ao organismo lugués, na que tamén participou o Subdelegado Ramón Carballo.

Impulsar a liña ferroviaria Lugo-Sarria-Monforte e a de Lugo a Santiago, a Estación Intermodal, a autovía Ponferrada-Ourense e a VAC Ferrol-Barreiros, así como incrementar a seguridade na A-8 ou eliminar as concertinas do campamento militar de Parga, son algunhas das peticións dos lucenses ao Goberno Central, tal e como o puxeron de manifesto durante as xuntanzas do Orzamento Participativo da Deputación para 2015. 

A redución de 5.500 efectivos da Garda Civil e da Policía Nacional dende 2012 que supuxo o incremento dos roubos, afectando especialmente ao rural lugués, foi outros dos asuntos abordados no encontro con obxectivo de reclamar ao Goberno Central máis medidas de seguridade.